Formoso cualifica de "política" a súa denuncia por prevaricación

Acusa ao PP, BNG e independentes de presentar esta denuncia pola súa "frustración" e para tentar "facer dano político". Destaca que o seu obxectivo como alcalde é favorecer o deporte base.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 07/03/2016 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

"Teño a conciencia moi tranquila". Foron as primeiras palabras que dixo o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tras prestar declaración este luns no Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, en condición de investigado por un presunto delito de prevaricación.

Valentín González, presidente da Deputación da Coruña
Valentín González, presidente da Deputación da Coruña | Fonte: PSdeG-PSOE

"Espero que isto quede en nada canto antes. Entendo que é unha denuncia puramente política presentada pola frustración de certos partidos que, no canto de estar a se preocupar por defender os asuntos que importan á cidadanía, están a tentar utilizar a xustiza para facer dano político", dixo en declaracións aos medios.

O seu proceso iniciouse pola denuncia dos partidos da oposición do Concello das Pontes -PP, BNG e independentes- ante a Fiscalía ferrolá, no mes de xaneiro, polas irregularidades detectadas nas subvencións municipais outorgadas ao club de fútbol da localidade coruñesa en 2011, 2012 e 2013, onde Formoso é rexedor.

Ditas axudas recibiron en 2015 o informe en contra da intervención municipal por non telas xustificado debidamente a entidade deportiva, pero non foi tido en conta polo actual presidente da Deputación. Unha decisión que, segundo o escrito do Ministerio Fiscal, fixo "a pesar de ser consciente de que a entidade deportiva beneficiada, da que el fora directivo até polo menos o ano 2011, non xustificara debidamente ningunha das subvencións recibidas en 2011, 2012 e 2013".

"O levantamento do reparo é absolutamente legal, pois está amparado polo informe dun catedrático de dereito penal e outro de dereito financeiro e, así mesmo, pola asesoría xurídica e os servizos de fiscalización da Deputación", dixo ao respescto.

Tamén destacou que calquera persoa "con sentido común e un par de dedos de fronte" debe entender que "a obrigación dun alcalde é tentar fomentar o deporte base e protexer o interese colectivo" e, tamén, "cumprir a lexislación, loxicamente, e velar polos intereses dos seus veciños".

Formoso agarda que "este asunto non teña máis percorrido", pois, reiterou,"á xustiza débese acudir con temas importantes e non utilizala para facer política", xa que este, concluíu, "é un dos males que está a afectar ao país".

Ademais de Formoso este luns tamén declarou o avogado Raúl Meizoso Sardino, tamén denunciado no proceso por presentar no seu día un informe externo para xustificar a decisión do alcalde de conceder a axuda ao club a pesar dos reparos da interventora municipal, que prestou declaración xusto despois en condición de testemuña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pontes

Ten razón Formoso. Se fora do PP o imputado, sería culpable. Como é socialista, trátase de persecución política. Xa o di Beiras. Estamos pior que no franquismo, onde el chegou a catedrático. Con Feixóo non o conseguiría.