Por gcdeportes | Vigo | 10/03/2016 | Actualizada ás 09:06
A expulsión dun socio con máis de 35 anos de antigüidade por levar unha bufanda dos Celtarras no partido contra o Vilarreal acabou coa paciencia da afección celeste. “A situación é inaceptable. O silencio do club, atronador”, apuntan. Un total de 59 peñas de seareiros do Celta veñen de firmar un comunicado no que se queixan do trato recibido polo club e esixen ao consello de administración desculpas para o abonado expulsado de Balaídos hai dez días.
Os afeccionados consideran “inaceptable” o trato recibido por este socio, pero o seu cabreo vai moito máis aló: acotío non se senten ben tratados, e as peñas celestes reciben “de seguido” queixas polo trato aos afeccionados no propio estadio. “O asunto en si podería quedar en triste anécdota se non fose porque as peñas recibimos de seguido queixas polo trato aos seareiros no noso propio estadio: controis abusivos nas portas, prohibición de obxectos e material neutral, malos xestos mesmo con cativos, anciáns e ata discapacitados… A isto cabe engadir a nula defensa por parte do noso club de colectivos e peñas celtistas cando son sinalados arbitrariamente dende fóra. As escusas ao respecto adoitan falar dunha normativa que é aplicada de xeito absolutamente aleatorio e desproporcionado”.
As peñas falan de agravios con outras afeccións mesmo no rpopio Balaídos. “Por se fora pouco, de cando en vez temos que contemplar como seareiros doutros equipos, algúns pertencentes a colectivos de notorio carácter violento, campan ás súas anchas polas nosas bancadas, lucindo con absoluta impunidade símbolos a actitudes que o celtismo pagaría ben caras. O derradeiro destes nefastos agravios comparativos o vimos na volta de semifinais de Copa contra o Sevilla. A situación é inaaceptable. O silencio do club, atronador”,
Iso é o que fai o club, gardar silencio, e de momento non resposta ao comunicado da súa afección, que prepara actos de protesta para o vindeiro partido na casa, este sábado coa Real Sociedade: non sacarán as bufandas, non cantarán o himno e mesmo poderían entrar quince minutos tarde ao encontro. “Somos celtistas, non terroristas”, remata o comunicado das 59 peñas celestes, avergoñadas co que está a pasar en Balaídos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.