A “xeración sen nome” que mudou a arte galega

Vanesa Díaz estuda na súa tese a obra de máis de 30 creadores formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Por GC Tendencias | Pontevedra | 16/03/2016 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

“A Facultade de Belas Artes foi un espazo permeable no que as influencias recíprocas facilitaron que en poucos anos se asimilaran grandes cambios no campo da arte en Galicia”. Isto é o que sostén a investigadora Vanesa Díaz, que centrou a súa tese de doutoramento na análise das obras realizadas por unha xeración de novos e novas artistas “que se coñeceu e se deu a coñecer” na facultade do campus pontevedrés. Unha “xeración sen nome” á que Díaz dedica unha investigación con dous obxectivos: “Ensaiar unha modalidade posible de escritura e lectura das obras contemporáneas”, centrándose precisamente no contexto máis próximo, e por outra banda, trazar os “primeiros apuntes” do discurso dunha "realidade complexa, poliédrica e radicalmente actual”, o discurso dunha xeración que vincula cun “auxe sen precedentes da arte en Galicia”.

Exposición 'A balea negra' no MARCO de Vigo sobre a catástrofe do 'Prestige'
Exposición 'A balea negra' no MARCO de Vigo sobre a catástrofe do 'Prestige' | Fonte: Miguel Núñez

Na súa tese "Aproximación discursiva a unha mostra da arte contemporánea. Primeiros apuntes para o estudo dunha xeración (Galicia 1990-2010)", que dirixiu a profesora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura Carmen Becerra, esta investigadora analiza unha serie de obras elaboradas ao longo das dúas décadas obxecto de estudo por un total de 38 artistas, 30 deles formados na facultade pontevedresa.

Nomes como Victoria Diehl, Juan Adrio, Mónica Cabo, Rubén Santiago, Marta Bernardes, Enrique Lista, María Marticorena, Fran Herbello ou Antón Cabaleiro convértense na base dun estudo no que “o sistema de investigación se elabora paralelamente á investigación mesma”, como recoñece Díaz, “dado que a maioría das obras estanse realizando nos mesmos anos que o estudo sobre elas”, motivo polo que aposta polas obras e artistas máis próximos.

Belas Artes, un lugar de encontro 

30 dos 38 artistas seleccionados formáronse no que foi “o lugar natural de encontro para a nosa xeración”, como salienta Díaz. Coa creación da Facultade de Belas Artes en 1990, engade, “prodúcese un abandono significativo do autodidactismo e o illamento ao que en numerosos casos estaba confinada a práctica artística”, favorecendo o contacto do alumnado e “evitando a dispersión” dos estudantes galegos, que ata entón cursaban esta titulación noutras comunidades.

Vanesa Díaz
Vanesa Díaz | Fonte: DUVI.

“Promoción tras promoción, a facultade consolidouse como o espazo de formación en arte contemporánea de Galicia”, engade Díaz, que destaca o que a convivencia e a “formación horizontal entre compañeiros”, así como a “programación vinculada ás correntes artísticas contemporáneas impulsada desde o propio centro” achegaron ao desenvolvemento das novas xeracións de artistas.

“Como lugar de desenvolvemento diario promoveu unha confianza imprescindible para realizar un traballo totalmente propio e expoñelo, motivando a identificación entre o artista e a obra”, engade esta investigadora, que incide tamén en que á creación da facultade sumouse nos anos seguintes a de espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou o MARCO de Vigo, museos que “dedicaron unha parte importante da súa programación expositiva aos artistas novos de Galicia”, contribuíndo á apreciación das artes plásticas por parte “dun público cada vez máis amplo”. 

Por todo isto, Díaz conclúe que o papel xa Facultade de Belas Artes no desenvolvemento da arte en Galicia “pode servir de modelo para comprender a importancia dos centros formativos e comprobar as achegas que a medio prazo supoñen para o desenvolvemento cultural dunha comunidade”. 

As preocupacións comúns 

“As clases diarias incorporaron un desenvolvemento discursivo, contidos sobre a psicoloxía da arte, modernidade e posmodernidade, teorías de sedución, feminismo ou deconstrución convertéronse en referencias comúns”, salienta Díaz dunha xeración á que, trala análise dun “conxunto heteroxéneo e disperso” de obras, esta investigadora vincula cunha serie de “preocupacións comúns en relación ao persoal, a identidade e o anonimato, o vínculo co outro no espazo social ou a precariedade política e ecolóxica”. 

“Podemos dicir que a xeración sen nome ten moitos nomes”, engade Díaz dunha serie de novos artistas nos que destaca o “lugar prioritario” que ocupa a atención ao propio proceso de creación e para os que os xéneros e temáticas tradicionais quedan “en gran medida obsoletos”.

Trátase pois dunha xeración definida pola “multidisciplinariedade” e pola súa “capacidade de adaptación ao medio”, que outorga especial importancia “á biografía e ao espazo cotián, ata percibir de forma confusa a distancia entre arte e vida”, segundo relata Díaz, quen, non obstante, tamén recoñece nos seus proxectos “cuestións que determinan a existencia da arte en calquera tempo”, como “a vida, os soños, o amor, a dor, o sexo, a guerra, a soidade ou a morte”.

Empregar a “capacidade especulativa da linguaxe” para atopar ese “fío fino que permita unha visión de conxunto” era un dos obxectivos centrais dunha tese á que Díaz suma aos 38 textos elaborados a partires de cada obra ou conxunto de obras analizadas un anexo final, Apreciacións á escritura, que, como recoñece, “percorre a tese transversalmente”. Neste apartado, trata de analizar o propio sistema de investigación empregado, centrado nesa relación entre arte e na literatura, no como e no por que do propio traballo de escritura realizado pola investigadora, empregando a palabra “como instrumento hermenéutico, como modo de comprensión”. 

A investigación realizada coa vontade de “ler a través das obras e intentar dilucidar o que din e o que fan dicir”, desembocou “no recoñecemento dun discurso”, presente nas obras de todos os artistas, un discurso “composto de infinitos matices e que ten unha estrutura flexible, sensible ás incertezas da época contemporánea”, como relata esta investigadora, que adaptou a escritura de cada capítulo as características da obra analizada. Non en van, o que buscaba esta tese era abordar “un tema recorrente, a dificultade para falar de arte”, di en declaracións recollidas por Eduardo Muñiz no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta