Songoku, moito máis que unha serie de debuxos

Vintecinco anos depois da súa estrea na TVG, repasamos as pegadas d’ “As bolas do Dragón” na cultura popular do país, pero tamén na política sobre a lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/03/2016 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Songoku, un rapaz orfo que vive só na montaña Paozu, é atopado por un ancián, que o somete a un duro adestramento en artes marciais. A súa peripecia comeza realmente cando coñece a Bilma, que o convence a saír a buscar as sete esferas máxicas do dragón.

Dragon Ball Z, Songoku e os seus compañeiro e rivais nas Bolas do Dragón
Dragon Ball Z, Songoku e os seus compañeiro e rivais nas Bolas do Dragón | Fonte: crtvg.gal

Así comeza o argumento d’ “As bólas máxicas”, a serie de debuxos xaponesa que marcou a moitas xeracións de galegos o seu primeiro contacto co ánime e, en moitos casos, co audiovisual na lingua propia.

O pasado 8 de febreiro cumpríronse 25 anos da súa primeira difusión nas ondas -daquela analóxicas- da Televisión de Galicia. A FORTA, a coalición de emisoras autonómicas, adquiriu a serie dirixida por Daisuke Nishio e Kazuhito Takenouchi en 1989 e pronto converteuse en todo un fenómeno entre os máis cativos.

Por que? Sobre todo porque Songoku era un heroe nada común. No lugar de historias infantís máis ou menos humorísticas ou exemplarizantes, estes debuxos da tele desenvolvíanse nun mundo fantástico onde os conflitos solventábanse a pancadas e, incluso, había bromas picantes. Totalmente inaudito para unha xeración que descoñecía por completo o mundo do manga e anime nipón.

O éxito da serie -coñecida globalmente polo seu nome en inglés Dragon Ball Z- tivo incluso repercusións políticas. En Andalucía Izquierda Unida criticou o seu elevado custe e varios medios de comunicación alertaron da “violencia” das andanzas de Songoku, mentres que en Madrid o ABC e outros medios de dereita atacaban ao goberno autonómico -do PSOE, ao igual que en Andalucía- por programar unha serie que “vulnera el código ético”.

Noticia crítica coas Bolas do Dragón no ABC
Noticia crítica coas Bolas do Dragón no ABC

En Galicia, Songoku tamén foi unha arma de ataque ao Executivo bipartito, neste caso a través do 'fogo amico'. Non pola súa violencia, senón polo feito de que non sempre estivo dispoñíbel en galego en formato DVD. En 2008 o daquela deputado BNG presentaba unha pregunta na Cámara na que se queixaba da “exclusión do galego como opción nos novos DVD de Dragon Ball GT (Songoku) tendo en conta o prezo da dobraxe da TVG”.

O parlamentario, ao fío dunha denuncia pública da Mesa pola Normalización, lembraba que “o DVD contará con opción de audio en español, xaponés e catalán, con posibilidade de subtítulos en español” e que “o galego fica excluido, a diferenza do que aconteceu durante anos con esta mesma serie de debuxos animados”. Unha proba irrefutábel da importancia que Dragon Ball tivo para a normalización lingüística no país, sobre todo entre os mozos de contornas urbanas. Defeito, “Songoku” é un dos termos que se citan entre os “puntos fortes” no diagnóstico previo que deu pé ao Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004.

Hoxe en día existe un grupo de Facebook adicado á versión en galego que ten máis de 11.800 seguidores e un programa da Radio Galega, especializado en música no idioma do país,  chamado Onda Vital. Mostra da nostalxia polas Bolas de Dragón, que se pode matar por exemplo botándolle unha partidiña a un dos numerosos xogos en liña sobre a serie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 teutonio

Akira Toriyama patriota galego!