Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2025 | Actualizada ás 19:17
'Uns anos de emigración en Buenos Aires' é o título do novo libro da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan obras destacadas da emigración galega.
Nesta ocasión achegan a edición facsimilar da primeira obra en prosa do xornalista ourensán Luís Sánchez Abal (?-1957), acompañada dun estudo crítico a cargo dos historiadores Xosé M. Núñez Seixas e Ruy Farías Iglesias. O volume xa está dispoñible para descarga no sitio web do CCG.
A décimo segunda entrega da colección presenta a edición facsimilar da primeira obra en prosa do xornalista ourensán Luís Sánchez Abal que ofrece un relato corrosivo e crítico dos inmigrantes galegos en Buenos Aires e dos seus costumes e marcos asociativos.
O relato garda paralelismos coa vida do autor, xa que conta a andaina vital dun novo inmigrante, Aurelio Monterrey, quen traballa primeiro no comercio e despois tenta conseguir un oco no panorama literario e xornalístico. Conforme coñece a sociedade porteña e a colectividade galega, desenvolve unha postura crítica cara aos inmigrantes e as súas asociacións e festas, e experimenta unha fonda desilusión coas súas expectativas primitivas.
A diferenza da vida real, o protagonista da novela decide volver a Galicia, con certa soidade polos seus anos na metrópole austral. No estudo crítico que acompaña a edición facsimilar, os historiadores Xosé Manoel Nuñez Seixas e Ruy Farías destacan que o autor volveu sobre esta temática 1921 coa novela Carne de aventura.
ARTE EN TEMPO REAL
'Museos e coleccións' é o título da cuarta xornada do ciclo Arte en tempo Real, que organiza este mércores 26 de febreiro (16,30 horas) a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro.
O director da Fundació Foto Colectania de Barcelona, Pepe Font de Moura; a directora do Museo de Pontevedra, Anxos Tilve e o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor Rodríguez, son algúns dos especialistas que asisten a esta cita que analiza a estrutura do sistema artístico.
Rosario Sarmiento e Sofía Santos coordinan esta xornada presencial e que pode seguirse en directo a través da web e das redes sociais da institución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.