Dez anos do Castelo Conta: tradición oral e encontro colectivo reivindican a cultura en Culleredo

A programación desta edición, que comeza o vindeiro 22 de agosto, conta con máis de 50 actividades.

Por Claudia Varela Lourido | CULLEREDO | 14/08/2025 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Castelo Conta celebra este verán o seu décimo aniversario cunha edición especial que se estenderá durante dez días consecutivos, do 22 ao 31 de agosto. Esta proposta naceu no rural hai dez anos "para celebrar a cultura e o encontro comunitario ao redor da festa". Tal e como apuntan desde a organización, o director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán, agradeceu "o apoio institucional e da veciñanza que fixo posible chegar á décima edición dun festival que sempre quixo tecer redes para que o que sucede en Castelo poida inspirar a outros lugares".

O director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán
O director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán | Fonte: Aigi Boga

A programación desta edición, que comeza o vindeiro 22 de agosto, conta con máis de 50 actividades que engloban concertos, entretemento para as crianzas e novidades como a Gala dos Dez Anos, a estrea da canción que Sés dedicará a Castelo ou o incremento das prazas do campamento Xente Miúda. Tamén contarán con varias actividades que xa son habituais: os Contos de Castelo, onde a veciñanza maior compartirá historias e lembranzas mantendo o formato próximo e interxeracional; ou Xente Miúda do Castelo Conta, cinco xornadas de actividades dirixidas ás máis pequenas e pequenos.

O sábado 30 de agosto é o día agardado por todos. O Castelo Conta organiza unha andaina polas aldeas de Castelo, que rematará "co xa tradicional espectáculo de monólogos, conducido por Touriñán, e no que participarán David Amor, Lucía Veiga, David Perdomo, Marita Martínez, Quico Cadaval, Oswaldo Digón, Gari Garrido, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Javier Veiga", afirman desde a organización.

UN NOVO ESPAZO NATURAL PARA A MÚSICA: O MONTE XALO

O auditorio natural do Monte Xalo acollerá actuacións como a de Carlos Núñez, Sés, Alana ou Ortiga, e onde tamén estarán as Tanxugueiras, nunha sesión vermú especial o domingo 24. "A música será un dos piares desta edición, con concertos repartidos en diferentes espazos e horarios, desde sesións vermú ata seráns nas aldeas de Castelo". Ningún recuncho queda sen alegría no Castelo Conta, onde todos teñen cabida para poder gozar dunhas xornadas de alegría e desfrute colectivo. 

Presentación da X edición do Castelo Conta
Presentación da X edición do Castelo Conta | Fonte: Aigi Boga

De Vacas, Lisdexia, Monoulious DOP, Zënzar ou Gintonis serán algunhas das propostas musicais previstas para as noites do festival, ás que se sumarán desde o mércores outros espectáculos, como unha gran foliada, a estrea do documental 'Buscando a nova regueifa', a Gala dos dez anos do Castelo Conta -un espectáculo especial de aniversario que mesturará música, humor e memoria do festival- ou Somos Criminais e punto final, o espectáculo máis exitoso de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

VERMÚS NA TABERNA E TAPAS EN DIRECTO

Concertos:

  • Brais Morán e Nasaufunk
  • Abril
  • Pava
  • 9louro
  • The Rapants
  • Vermús na Taberna

Cociñeiros:

  • Jorge Trigo (A Espiga)
  • Nacho Moreira (La Esquina de Valentina)
  • Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro)
  • Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha)
  • Damián Paris (Dekanta't)
  • Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe)
  • Bea Sotelo, Bego Vázquez (Regueiro da Cova)
  • Chisco Jiménez (Culuca).

A programación completa do Castelo Conta está dispoñible nesta ligazón e nas redes sociais do festival, onde se compartirán tamén contidos especiais polos dez anos. A entrada para a maioría das actividades é de balde, pero as entradas para aquelas que requiran un pago están xa dispoñibles na web do festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta