Zeltia Outeiriño, directora de ‘Filmei Paxaros Voando’: “Quería regresar a Galiza e indagar na biografía persoal e familiar”

Zeltia Outeiriño é cineasta, documentalista, docente e realizadora de vídeo freelance.

Por Claudia Varela Lourido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Zeltia Outeiriño (Madrid, 1978) é unha cineasta galega afincada en Barcelona. Trasladouse a Cataluña para estudar cine despois de facer Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra. A súa obra Filmei Paxaros Voando, gañadora do premio a mellor documental nos Mestre Mateo 2025, afonda "na exposición, na intimidade e no familiar". Zeltia Outeiriño é docente de Imaxe e Son, documentalista e realizadora de vídeo freelance. É a fundadora da Colectiva Las Mirillas (Barcelona), a través da cal colabora con colectivos fráxiles a nivel social, proporcionándolles os medios para que potencien a súa propia creación audiovisual. É autora de obras como Kaugsankamalla, muiurrisunchi; La Esperanza Kankuama; La mentada de la Llorona ou Patarinos.

Zeltia Outeiriño
Zeltia Outeiriño | Fonte: Carolina Pérez Rodríguez

Como foron os teus comezos no mundo cinematográfico?

Eu estudei Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra, un pouco de rebote. O que quería facer cando saín de COU era xornalismo, pero ao final quedei en publicidade. Nesta carreira empecei a entrar en contacto co audiovisual, sobre todo co xénero documental. Interactuei con isto nun seminario que organizara Margarita Ledo, sobre un documental biográfico de Joaquín Jordá. Unha película fundacional deste autor foi Monos como Becky. Quedei abraiada con esa mezcla de ficción e cinema participativo. Desde aí dixen, eu quero facer isto. Logo emigrei a Barcelona para estudar cine, fixen CAV e logo traballei na televisión e comecei a traballar moito en proxectos de vídeo participativo, poñendo o audiovisual ao servizo de diversos colectivos para que constrúan o seu propio relato.   

Que referentes tiveches á hora de concebir Filmei Paxaros Voando?

En Filmei Paxaros Voando quixen indagar na biografía familiar e personal, polo que me interpelaron filmes desa liña: as primeiras películas de Naomi Kawase, como indaga nos seus relatos familiares, a proximidade, a cámara, a sensibilidade que ela ten...Agnes Vardá, por suposto, tamén. E Santa Láquerman. Os referentes están aí e resultou que fixen algo moi parecido. 

Que factores conflúen en Filmei Paxaros Voando? Como foi o proceso de documentación e preprodución?

O proceso de preprodución foi moi bonito, porque naceu no marco do máster en documental de creación da Universidade de Pompeu Fabra, aquí en Barcelona. Tiña un desexo moi grande de reflexionar sobre iso. Quería regresar a Galiza e indagar na biografía familiar e personal. Foi xenial porque ao final ti eres a protagonista do filme, e afondas na exposición, na intimidade e no familiar. Traspasei moitas barreiras, pero unha vez que enganchei vin que ían emerxendo moitas palabras e moitas imaxes. A nivel visual, grazas ao arquivo familiar, había moito material. Toda a investigación que fixo o meu tío Antonio Outeiriño tamén estaba rexistrada, polo que todo isto contribuíu a achegarme máis á historia e a Galiza. Atopei tamén unhas compañeiras de viaxe marabillosas, que foron Silvia Álvarez, en Galiza, de Sétima Media, e Mireia Grael, de Ritmo Media, en Barcelona. A parte da financiación foi bastante doada, fomos conseguindo todo o que nos propuxemos pasiño a pasiño, a pesar das dificultades da historia a nivel persoal. 

Nun comezo o teu tío era unha figura central, pero en que momento dirías que emerxe a túa nai como personaxe relevante? 

O triángulo de personaxes principais no filme estaba concebido así desde o principio, pero a figura de meu tío Antonio Outeiriño, artesán textil e galeguista, fixou toda a exploración e interpretación creativa do modo de tecer tradicional en tear de liño de Galiza. A min fascinábame moito iso e tamén a súa maneira de vivir; a súa ideoloxía, o seu anhelo de liberdade, a súa alegría, o seu entusiasmo creativo e a súa vinculación coa Asociación Galega de Artesáns. O quefacer de meu tío vinculaba á miña tía Concha Outeiriño e a toda a familia, de feito era a miña avoa era a que cosía os deseños. Organizaban desfiles a través da asociación nos que desfilaban a familia e os amigos, incluso eu. Intentei alonxarme de todo isto para formar a miña propia vida, por iso emigrei en busca da liberdade e do entusiasmo creativo. Pero, sobre todo, para alonxarme da miña nai, porque non quería parecerme a ela nin aos seus valores en absoluto. Eu idealizaba moito ao meu tío Antonio e quería mirarme no seu espello, á vez que me alonxaba de miña nai. O que ocurriu foi que neste proceso, Antonio pasou a ocupar un papel máis secundario na trama e en cambio miña nai ergueuse como protagonista case absoluta do filme. O feito de gravar xuntas axudounos a achegarnos e para que eu cambiara o meu xuízo sobre ela. Tamén comprendín moito da súa historia e aprendín a entender o seu pensamento, a súa creatividade e a súa faceta de artista. 

Falando agora do título, inicialmente íase chamar Patarinos, por que cambiaches de idea? 

Patarinos é como lle chaman á miña familia paterna. O meu avó de pequeno atopou un pichón, e dixo “mira papá, é un patarino”, en vez de paxariño. E de aí vén o nome. Tamén está presente a idea da liberdade, na que os paxaros aparecen a nivel metafórico e literal ao longo da trama. Conforme miña nai foi ocupando máis espazo no filme, e tendo en conta que ela non é desa árbore xenealóxica dos “patarinos”, pois démoslle unha volta ao título, pero sen cambiar a esencia. E finalmente quedou Filmei Paxaros Voando. Falando con Emilio Fonseca, cineasta galego, comentoume que estaba lendo unha entrevista da cineasta Kelly Raychard e recordoulle a min, porque dicía que, se nalgún momento non se sabe que gravar, sempre se poden filmar os paxaros voando. Pareceume unha reflexión moi bonita, representativa do desacougo e da dor que, a través dos paxaros voando, puido plasmar realmente os meus sentimentos e os dos meus familiares.

Se vises este filme como espectadora, que reflexión extraerías? 

Hai moitas cousas que se poden extraer, pero unha delas sería o concepto de liberdade, que nunca é absoluta. Ás veces, cando un prioriza a súa vida, perde outras cousas, por iso penso que destacaría o equilibrio entre a liberdade e a vida propia. Esta reflexión estivo presente desde o inicio do filme. A cuestión, ao final, é saber amar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta