Por Galicia Confidencial | Vilanova | 04/04/2016 | Actualizada ás 09:15
Aqueles mozos dos anos 80 que representaron unha xeración marcada polas drogas na comarca da Arousa poderían ter a súa xusta homenaxe. A Xeración perdida, como se lles coñece, foron moitos mozos desa época pero está representada por un grupo de amigos e compañeiros dun equipo de fútbol sala, o "Dejadnos vivir".
Precisamente, Gañemos Vilanova presentará no vindeiro pleno do concello dúas mocións. E, nunha delas, proporá que se nomee unha praza co nome deste mítico equipo que simbolizou a toda esa xeración do anos 80.
Esta formación lembra que estes mozos, en vez de "coidados ou tolerancia", o único que recibiron das institucións foron "tundas e cárcere dunhas forzas policiais e xudiciais herdadas do franquismo, e desprezo dunha sociedade bempensante, puritana". Unha sociedade, polo contra, que "non tiña ningún problema en facerlle reverencias aos narcotraficantes, en aceptalos nas súas festas e comedelas, en aceptar os seus donativos de cartos en negro para certos partidos políticos, salvo as honrosas excepcións dalgunhas asociacións".
Na súa moción, Gañemos Vilanova, ademais do nome “Dejadnos vivir” a unha praza, tamén pide que se coloque unha placa ou estatua "se a situación económica do Concello mellora algún día", en homenaxe e lembranza a eses mozos perderon as súas vidas nos anos 80, "vítimas dunha epidemia de adicción, de enfermidade, de desleixo social e institucional, de intolerancia".
Tamén lembra que o abuso destas substancias por parte dalgunhas persoas "non é só porque sexa inmoral, mais débil ou teña menos forza de vontade que os demais", senón porque está asociado "á depresión, á dor crónica, a vivir en contornas onde a esperanza e os incentivos son escasos ou nulos". "Por iso se entende que algunhas das persoas mais creativas, mais soñadoras e inquedas da nosa comarca, recorreran ao uso das drogas, descoñecendo os seus efectos a largo prazo", sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.