Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/03/2025 | Actualizada ás 10:00
O Pleno do Consello de Contas de Galicia, por primeira vez, ven de reunirse fóra da súa sede institucional en Santiago de Compostela, para a aprobación do "Informe de fiscalización das Entidades Locais Menores de Galicia" no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra. Unha sesión na que se puxo o foco na importancia que teñen estes órganos na xestión municipal.
Nunha sesión presidida polo Conselleiro maior do Consello de Contas, na que interviñeron o Conselleiro da Área de Corporacións Locais e Presidente da Sección de Fiscalización, Simón Rego Vilar, xunto ao técnico responsable da auditoría, Domingo Guerra, púxose de manifesto a necesidade de que todas as administración galegas colaboren con estas entidades. No encontro destacouse que estes órganos posúen solvencia financeira e capacidade para prestar as súas competencias, pero precisan axuda para que a prestación de servicios administrativos fundamentais, como a rendición de contas en prazo, se poida desempeñar satisfactoriamente.
NOVE ENTIDADES MENORES
En Galicia hai nove Entidades Locais Menores (ELM), unha en Ourense (Berán) e oito en Pontevedra (Arcos da Condesa, Bembrive, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Reis, Queimadelos e Vilasobroso). Estas entidades, creadas hai un século para xestionar núcleos poboacionais separados, teñen un alcalde pedáneo e unha xunta veciñal, elixidos nas eleccións locais.
Historicamente, as súas competencias inclúen a vixilancia, mantemento e limpeza de vías urbanas, camiños rurais e montes, a conservación do seu patrimonio e a regulación de bens comunais, entre outras. Non teñen impostos propios nin participan nos tributos do Estado, pero poden recibir financiamiento do municipio ao que pertencen e asistencia técnica, xurídica e económica da Comunidade Autónoma e das Deputacións Provinciais , pero non os perciben.
Nos últimos anos, as ELM galegas non presentaron as súas contas a tempo, o que levou a que o Consello de Contas fixera unha fiscalización para investigar as causas deste incumprimento que, segundo se verificou, obedecen fundamentalmente á falta de recursos humanos e materiais. Nese sentido, o Consello de Contas recomendou optimizar os recursos dispoñibles e logrouse o compromiso dos alcaldes e alcaldesas pedáneos/as de cumprir coa rendición de contas en 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.