Suspendida de maneira cautelar a autorización para verter a un río augas residuais das minas de San Fins

A resolución ten en conta o principio de precaución e detsaca a afectación a zonas de Rede Natura

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2025 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar da autorización de verter ao río Pesqueira ou Rego de Rabaceiros augas residuais procedentes das minas de San Fins (Vilacoba), ditada por Augas de Galicia en febreiro de 2023. A sección terceira da sala do contencioso-administrativo estima así a apelación interposta pola confederación Ecoloxistas en Acción contra a resolución de 30 de novembro de 2023 do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que denegou a solicitude de suspensión cautelar das verteduras procedentes da mina de estaño e wolframio.

Na resolución, con data do pasado 28 de febreiro, consta que as verteduras afectan á Rede Natura 2000, sen que a administración ou a mineira valorasen esa afección. Segundo a sentenza, "o principio de precaución que inspira o dereito ambiental leva que, ante tal incerteza, haxa de adoptarse a protección do medioambiente respecto de zonas da Rede Natura 2000". Nese sentido, destaca que o apartado 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello sobre conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres impón, en aplicación do principio de cautela, "que ha de quedar demostrada, antes da aprobación dun proxecto, a ausencia de efectos negativos en tales ámbitos, sen poder ser autorizado se existe incerteza, principio de precaución consagrado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea".

SEN DIA

O fallo indica que, neste caso, "non se realizou unha DIA (declaración de impacto ambiental) nin do proxecto de verteduras nin do mineiro, polo que resulta imprescindible a adopción cautelar para evitar danos ambientais irreparables, que ha de realizarse con carácter previo á aprobación do plan ou programa". Engade que os efectos da contaminación da ría Noia-Muros sobre a actividade económica da zona son, segundo a resolución, "indubidables, ao resultar notoria a afectación á actividade marisqueira, que constitúe un dos motores económicos da comarca, polo aumento dos metais pesados". A sentenza non é firme e cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Presas de San Fins, en Lousame
Presas de San Fins, en Lousame | Fonte: Vida e Ría

REACCIÓN XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia sostivo que o fallo non ten efecto algún xa que esta autorización xa fora revogada en abril de 2024. A Consellería de Medio Ambiente destacou que aínda que con data do 1 de abril de 2023 Auga de Galicia ditou resolución pola que se outorgaba a Tungsten San Finx, S.L. autorización de vertedura a estas canles da ría de Muros e Noia de augas residuais industriais depuradas procedentes dunha explotación mineira de estano e wolframio localizada no lugar das Minas de San Fins - Vilacoba (Lousame), no condicionamento desta resolución establecíase un prazo de catro meses para finalizar as obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións.

A Xunta subliñou que sen ese tratamento non se produciría a efectividade da autorización e que, con data do 8 de agosto de 2023, Augas de Galicia ditou resolución pola que se denegaba a ampliación do prazo das obras e iniciaba a revogación da autorización. Tras varios meses de procedemento, trámites de comunicación e audiencia e alegacións, a Xunta explica que a entidade resolveu o 12 de abril de 2024 revogar a autorización de vertedura. Ademais, sinala que "debido á inacción sobre os residuos acumulados na zona mineira, a actividade está en proceso de infracción e deberá facerse cargo de elevadas sancións de ata 180.000 euros". De igual modo, desde o punto de vista mineiro, a Xunta sinala que tras a revogación da autorización da vertedura por parte de Augas de Galicia, a Consellería de Economía e Industria iniciou un procedemento para a declaración de caducidade dos dereitos mineiros, proceso que está en tramitación agora mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta