Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/04/2016 | Actualizada ás 10:00
Os municipios galegos seguen apostando polo galego. Este sábado once novos concellos sumáronse ao programa colectivo "Apego", creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e axudar con iso á súa conservación.Na actualidade xa son 23 os concellos que se teñen comprometido seriamente co noso idioma.
Alcaldes, concelleiros e persoal técnico asistiron á firma do anexo no centro Ágora na Coruña, e, así, no documento completo figuran, de maneira inicial, A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Agora tamén A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo.
En representación dos concellos que formaron parte de "Apego" desde un inicio interviñeron os alcaldes da Baña e de Negreira ademais do anfitrión, o rexedor coruñés, e todos eles coincidiron en celebrar que se poña en valor o idioma.
Así, as intervencións de todos eles fixeron fincapé na importancia da colaboración entre municipios para que os veciños poidan acceder en igualdade de condicións aos programas, como o mencionado, e aos diferentes servizos.
E, por ser "Apego" o tema que os xuntou nesta convocatoria, á que acudiu o rexedor compostelán Martiño Noriega, centraron os seus discursos na situación xeral pola que pasa o galego, difícil, mesmo nos territorios onde a realidade é "aparentemente máis favorable".
En tal sentido, houbo unha mensaxe aos pais e nais para que participen nas accións e nas redes que reforcen a idea de "socializar" en galego, algo que han de inculcar aos seus fillos.
O acto deste sábado estivo presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que quixo aderezar este importante evento cun concerto de música infantil, "Arrolos de salitre".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.