Portugal acolle outro galego

O ciclista porriñés Jacobo Ucha, de 23 anos, pasa a profesionais no país veciño trala súa fichaxe polo Radio Popular-Boavista. “Un soño cumprido”, apunta tras anunciar a nova.

Por gcdeportes | Compostela | 20/04/2016 | Actualizada ás 08:58

Comparte esta noticia

Cando Ezequiel Mosquera atacou a Vincenzo Nibali na Bola do Mundo no 2010, alí estaba el con 17 anos. “Poder correr a carón del animándoo durante uns segundos foi brutal”. Jacobo Ucha, ciclista do Porriño, agora con 23, é a nova fichaxe do equipo portugués Radio Popular Boavista. “Feliz de anunciar mi paso a profesionales con el equipo portugués Radio Popular Onda Boavista. Un sueño cumplido!”, escribiu no seu twitter (@bokobudinho).

Jacobo Ucha, nunha proba con final en Compostela.
Jacobo Ucha, nunha proba con final en Compostela. | Fonte: purociclismo.es

“Dada a campanha internacional da RP-Boavista, a par com o compromisso nas provas nacionais, tornou-se necessário a contratação de mais um ciclista, e a escolha recaiu em Jacobo Ucha. Apresenta predicados como rolador e tem como caraterística principal ser uma ciclista de equipa”, avaliou a nova fichaxe José Santos, diretor deportivo do Boavista, que espera “uma rápida adaptação ao ciclismo português” do seu novo reforzo.

Deste xeito, Jacobo Ucha, nado o 3 de abril de 1993 en Budiño (O Porriño), que militaba no Caja Rural navarro e no 2014 no CC Rías Baixas, pasa ao profesionalismo, como tantos outros corredores galegos, grazas ao ciclismo portugués. A súa última competición coas cores do Caja Rural foi na proba francesa Circuit des Ardennes, na que rematou 81º na clasificación final.

Coa fichaxe de Boko Ucha, a equipa axadrezada, como se coñece ao RP-Boavista no país veciño, contará cun plantel de once ciclistas. Ucha únese o arousán Gustavo César Veloso e o cambadés Ángel Sánchez, enrolados no W52-Porto FC, e os estradenses Álex Marque (LA Alumínios Antarte) e Óscar González (Sporting de Lisboa-Tavira) no pelotón portugués. Ademáis, o moañés Delio Fernández fichou este ano polo Delko Marsella e o coruñés Daniel López Parada polo Burgos BH.

Jacobo Ucha, xa coa camisola do RP-Boavista, novo profesional galego no ciclismo luso.
Jacobo Ucha, xa coa camisola do RP-Boavista, novo profesional galego no ciclismo luso. | Fonte: @bokobudinho
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta