Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 18:31
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu a posición "profundamente galeguista e europea" do Partido Socialista no marco da "seguridade" do continente e emprazou ao Partido Popular e ao BNG a demostrar se "son europeístas convencidos" ou "de pacotilla". Besteiro reclamoulles "a uns que abandonen posicións de complicidade coa ultradereita" e aos outros "a que abandonen as posicións ultranacionalistas que nada teñen que ver coa defensa de Galicia e de Europa".
Así se pronunciou este venres con motivo da firma do Protocolo de colaboración entre o Ministerio de Defensa e o Concello de Ferrol para o Plan director Abrir Ferrol ao Mar, un acto no que participou a ministra Margarita Robles e ao que asistiu o portavoz do PSOE na cidade, Ángel Mato. Na súa intervención, o xefe de filas dos socialistas asegurou que este partido ten adoptado o compromiso de seguir investindo na "reindustrialización" de Ferrol, para desta maneira "continuar atraendo investimentos e desenvolvendo proxectos estratéxicos en áreas crave" como a rede ferroviaria e as comunicacións.
Todo iso, sinalou, "nun contexto xeopolítico cambiante" e no que o secretario xeral do PSdeG reafirmou o compromiso da súa formación cos valores europeos. Ademais, destacou o papel da Unión Europea na recuperación económica tras a pandemia e "no fortalecemento da seguridade e autonomía de Galicia". No acto nas instalacións do Museo Naval da Construción, no edificio de Herrerías, salientou a necesidade de abrazar un europeísmo real e comprometido, que favoreza o desenvolvemento da rexión.
ABRIR FERROL AO MAR
"Ferrol foi o escenario dun acto crave para os socialistas, no que se reafirmou o compromiso do partido coa cidade e a súa comarca", en alusións á firma deste protocolo de actuación para poder derrubar a muralla do Arsenal Militar, ao mesmo tempo que destacou, do mesmo xeito que Margarita Carballos, a importancia dos investimentos que se están canalizando na zona, especialmente na industria naval e tecnolóxica.
Así, Besteiro nomeou algunhas das actuacións realizadas polo Goberno de Sánchez, como a mellora na avenida das Pías, ou o proxecto de vivendas públicas nas instalacións do antigo cuartel Sánchez Aguilera, unhas medidas que "buscan fortalecer o tecido industrial e urbano da cidade, xerando emprego e oportunidades para a comarca". Por último, o político natural de Lugo detallou que "Ferrol, como enclave estratéxico na reindustrialización, ten unha oportunidade única para consolidarse como referente na industria naval, a tecnoloxía e a intelixencia artificial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.