Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2025 | Actualizada ás 14:30
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, acusou este mércores ao Partido Popular de Galicia de crear "quioscos parásitos" para "ocultar" e facer "opaca" a xestión dos fondos públicos. Nunha rolda de prensa ofrecida na sede da formación, Torrado asegurou que os últimos informes do Consello de Contas supoñen unha "labazada de realidade" á xestión do Goberno galego e dan a razón ás denuncias do PSdeG que evidencian que "o Executivo galego, con Rueda á cabeza, vive instalado nunha xestión 'chafulleira' e opaca, que parece celebrar". Segundo indicou, o Consello de Contas sinala "múltiples deficiencias" na xestión da Xunta e destacou tres cuestións "fundamentais" no caso do Servizo Galego de Saúde (Sergas): "baixa transparencia, inadecuada planificación de recursos humanos e uso inadecuado das políticas de gasto". "Estamos a falar dun Servizo Galego de Saúde que representa o 40 % do orzamento da Xunta e que é, segundo o informe, practicamente imposible de fiscalizar", advertiu Torrado.
Torrado asegurou que o documento tamén apunta o "abuso da contratación menor", que o PSdeG xa denunciou na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia sobre o "sobrecusto" do Cunqueiro. "Estamos a falar de contratación a dedo, moi por enriba da media estatal, e que ademais beneficia, curiosamente, a empresas vinculadas con familiares de altos cargos do PP", afirmou. Na parte económica, o portavoz da Executiva galega referiuse á débeda total de Galicia, ao sinalar que supera os 12.000 millóns de euros; así como á execución dos fondos europeos que, segundo indicou, non chega ao 50 %. "Mentres o señor Rueda rexeita adherirse á condonación de débeda, Galicia continúa pagando máis aos bancos no canto de investilo en servizos públicos", criticou o portavoz socialista.
Sobre a promoción económica, sostivo que os informes de Contas evidencian unha "preocupante opacidade" nas entidades instrumentais, ás que a Xunta "destina cada vez máis fondos". "Está a crearse unha rede paralela de entidades que funcionan como auténticos quioscos parásitos do público, ideados para difuminar o control e evitar a fiscalización dos fondos", indicou. Torrado situou as sociedades Impulsa Galicia e a Sociedade Galega de Recursos Naturais como dous exemplos desta "arquitectura opaca", criticada polo PSdeG. "Falamos dunha sociedade que debería garantir unha comercializadora pública de enerxía, da que hoxe non queda nin o recordo, e doutra que impulsou o proxecto de Altri, que naceu comprometendo fondos públicos e agora pretende negalo", lembrou.
Torrado lembrou tamén que outras entidades, como o Foro Económico de Galicia, coincide co PSdeG en que Galicia debería acollerse á condonación da débeda se se dan as condicións xustas, e puxo en valor que esta mesma entidade alertase sobre a viabilidade e uso dos fondos europeos no proxecto de Altri. "Tal e como fixemos nós hai meses", apuntou. "O que demostran todos estes informes e opinións é que temos un goberno que opera con escasa transparencia e con estruturas creadas expresamente para evitar o control democrático", dixo Torrado, que situou ao PSdeG nunha "posición sensata, baseada en análises solventes, e defendendo os intereses reais de Galicia".
CONGRESOS PROVINCIAIS
Por outra banda, preguntado sobre o proceso de celebración dos Congresos Provinciais que celebra o PSdeG e tras coñecerse que concorren varias candidaturas en tanto en Lugo como en Ourense, Xullo Torrado sostivo que a dirección galega do PSdeG limítase a garantir que se trate de procesos democráticos nos que as persoas que se presentan poidan ter liberdade. "Iso é o que fan os partidos democráticos", sinalou para incidir en que a dirección galega só "observa, valida e celebra estes procesos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.