Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/04/2025 | Actualizada ás 15:18
Un home acusado dun delito continuado de agresión sexual a un menor, fillo da que entón era a súa parella, e que é xulgado este luns e este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo) enfróntase a 14 anos de prisión, pero os seus problemas coa xustiza poderían incrementarse, xa que unha das testemuñas que declarou na vista, irmán do denunciante, confesou ante o tribunal que o procesado tamén abusou del cando era neno.
No xuízo, no que a vítima declarou a porta pechada (e o acusado farao en último lugar, este martes), compareceron a nai do denunciante e un dos seus irmáns. Precisamente, este último fixo unha confesión inesperada ante o tribunal, ao afirmar que, cando era pequeno, con "12 ou 14 anos", o acusado tamén abusara del. "Estiven a pensalo moito, e decidín esperar a este xuízo para contalo, é a primeira vez que o digo", explicou, antes de relatar que o acusado, nese momento parella da súa nai, realizoulle tocamentos e tentou masturbarlo cando era neno, coa escusa de comprobar se padecía fimosis. "Debería denuncialo no seu momento", apuntou. Igualmente, recoñeceu que, cando o seu irmán contou xa sendo adulto que fora vítima de agresións sexuais por parte deste home, tentou disuadilo para que non denunciase os feitos polo "dano" que ese proceso ía causar á familia.
"Eu quería protexer á miña nai (...), arrepíntome, debería apoialo desde o primeiro momento", manifestou. Tanto esta testemuña como a súa nai (proxenitora tamén da vítima) declararon ante a Sala que o acusado tiña un carácter "moi violento", que era frecuente os malos tratos psicolóxicos no ámbito familiar, e que era consumidor de estupefacientes, ademais de ter problemas de adicción ao sexo. Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos que se axuizan na Audiencia ocorreron entre 2022 e 2010, cando a vítima era menor de 16 anos. O ministerio público solicita 14 anos de cárcere por un delito continuado de agresión sexual sobre un menor, con prevalemento do acusado pola existencia dunha relación de superioridade e parentesco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.