O conselleiro de Cultura sobre os impactos de Altri: "Non creo que técnicos do Consello da Cultura Galega sexan mais competentes que os da Xunta"

Di que "non vai ter ningún impacto" no Camiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, José López Campos, asegura que o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) "non vai ter ningún impacto no territorio nin tampouco no Camiño de Santiago".
n resposta a unha pregunta do Bloque no pleno do Parlamento, o conselleiro garante que no informe de Patrimonio Cultura están analizados "todos os impactos" de Altri, que están "corrixidos" coas observacións realizadas polos técnicos da Xunta.

A deputada Mercedes Queixas (BNG) alertou de que "son moitas as voces que pensan que Altri é un perigo para o Camiño e para a súa condición de Patrimonio Mundial". Deste xeito, Queixas avisa do "perigo" de que o Camiño poida perder a súa declaración de Patrimonio da Humanidade por esta fábrica. Lembra que a xustiza xa tombou autorizacións da Xunta por cuestións relacionadas coa ruta xacobea: o parque eólico das Sasdónigas anulado polo Tribunal Supremo ao "afectar un tramo do Camiño" e a recente anulación do TSXG dunha liña de alta tensión sobre o Castro Lupario que "afectaba o Camiño Portugués".

Respecto diso, López Campos remarca que as máis de 20 follas do informe de Patrimonio Cultural está feito por un grupo "coral" de técnicos da Consellería "perfectamente competentes e independentes". Sostén que analizaron "debidamente" os impactos e fixeron "correccións" para incluír "cautelas" coas que poida haber un proxecto que "teña o menor efecto posible".

Acusa o Bloque de estar "a desprestixiar" o labor de máis de 40 técnicos que traballaron en todo o expediente de Altri en diferentes departamentos. Así mesmo, Queixas preguntoulle ao conselleiro se leu o informe do Consello da Cultura Galega (CCG) que alerta de danos de Altri. "Se fose unha muller podería soar certamente machista este comentario, como son un nome non é así", respondeu López Campos, quen lembrou que xa mostrou as súas "discrepancias" co texto do CCG. "Non considero que técnicos do Consello da Cultura Galega sexan mais competentes que persoas que forman parte da Administración autonómica", agrega.

A deputada nacionalista tamén acusou ao conselleiro de "esconderse" tras os informes dos técnicos. Por iso, cuestiona se refire a os técnicos aos que "presionan para que asinen informes contrarios ao interese patrimonial" ou aos que ven "obrigados a renunciar ao seu posto".

O conselleiro de Cultura, José López Campos, no Parlamento. XUNTA
O conselleiro de Cultura, José López Campos, no Parlamento. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta