Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2025 | Actualizada ás 14:35
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que o Goberno galego "busca o equilibrio" coa normativa que permite cazar lobos desde este sábado "en casos de ataques persistentes".
En declaracións aos medios este sábado nun acto en Toques (A Coruña), a conselleira lembrou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres a norma que permite tanto a concellos, particulares como tecores poidan facer a súa solicitude en caso de ataques persistentes a explotacións ou achegamento do lobo a certos núcleos de poboación, nun contexto no que "nos últimos anos hai ataques continuados non só a reses, senón tamén a cans".
Por tanto, segundo indicou, despois de que entrase en vigor unha lei a instancias do PP pero que "saíu adiante no Congreso por total maioría absoluta", a Xunta fai revivir o plan de xestión do ano 2009, "adaptado ás novas circunstancias". En concreto, os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-2025 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.
Deste xeito, pasan a ser autorizables accións como as esperas, batidas ou monterías durante todo o ano salvo en abril, maio e xuño -nos que só estarán permitidas as esperas- sempre que se xustifiquen convenientemente eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras que poñan en risco a súa viabilidade. No entanto, esas medidas, conforme indicou a Xunta, levarán aparellado ademais un rigoroso seguimento e control por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións do lobo.
Anxos Vázquez incidiu este sábado en que "en Galicia nunca se cazaron lobos e non se van a cazar lobos", senón que o que se fai é "xestión de lobo". "Fanse extraccións de lobo cando se ve que unha explotación pois é inviable", dixo.
A conselleira asegurou que hai explotacións que "minguaron as súas reses entre 20 e 30 cabezas" tendo en conta que desde que o lobo entrou a formar parte da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre) "incrementáronse os ataques substancialmente en máis dun 50% e os avisos por parte dos particulares nun 75%".
"Dez reses mortas ao día polo lobo, Galicia non o pode permitir", sostivo para asegurar que Galicia tiña "o perfecto equilibrio antes do ano 2021" e que "o lobo segue estando protexido, pero deixa de estar en máxima protección".
A conselleira sostivo que "o difícil é o equilibrio" e é "o que está a facer a Xunta": "protexer ao lobo, protexer ao resto da biodiversidade e protexe aos gandeiros".
A titular de Medio Ambiente sostivo que a Xunta se debe amparar en "estudos científicos e técnicos" e considerou que a inclusión da especie no Lespre foi "un erro dun calado tremendo" que todos os países da Unión Europea recoñeceron "excepto España e Portugal".
Un "erro" que, conforme apuntou, levou a que o gandeiro "vexa ao lobo como un inimigo", cando "ata o ano 2021 sabía que tiña que convivir con el". "Por tanto, hai que tomar medidas", afirmou.
Ademais, sostivo que a Xunta seguirá "pondo encima da mesa fondos" para a posta en marcha de medidas preventivas e tamén dará axudas para facer fronte aos danos causados por reses mortas. "O que non podemos permitir é que o lobo campe ás súas anchas e que os nosos gandeiros pechen as explotacións", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.