Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/04/2025 | Actualizada ás 14:06
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ve "inadmisible" que persoas fumen dentro de centros sanitarios, pero recoñece que é "complicado" intervir neste tipo de situacións. Así o sinalou ante os medios de comunicación tras coñecerse que a Valedora do Pobo admitiu a trámite unha queixa dun cidadán vigués pola falta de medidas da Consellería de Sanidade ante a presenza de fumadores no hospital Álvaro Cunqueiro.
Preguntado polo tema, Caamaño asegurou "non coñecer" o caso específico, indicando que "pasa cada certo tempo" en todas as áreas sanitarias. "É complicado intervir neste tipo de situacións. Faise, pero nunca é suficiente", engadiu. O responsable do departamento sanitario da Xunta puxo en valor as campañas que se realizan "continuamente" para insistir en que está prohibido fumar, explicando que "probablemente" haberá que reforzalas "e estar enriba disto" porque é "inadmisible que nun establecemento sanitario a xente fume", sendo "fácil" saír do recinto e facelo fóra. A pesar de todo, indicou que esta situación non só depende da Consellería de Sanidade.
Ligado a este tema e preguntado sobre a petición de máis vixiantes para o Álvaro Cunqueiro, tras producirse unha nova agresión a unha enfermeira a semana pasada, Caamaño reivindicou o "pleno compromiso" do Executivo galego con este problema. Así, dixo que se tomaron "unha chea de medidas" e que se tomarán "máis" como a modificación da lei de saúde de Galicia. Ademais, subliñou que se reunirá coas Forzas de Seguridade do Estado, con técnicos de emerxencia e demais afectados para que expoñan a súa visión e renovar os protocolos existentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.