Xornada feminista para poñer no centro á mocidade e á igualdade real

Foi a culminación dun amplo programa da Deputación de Lugo para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/04/2025 | Actualizada ás 04:00

Comparte esta noticia

A Deputación de Lugo reafirmou o seu compromiso coa igualdade de xénero impulsando as II Xornadas Feministas = Igualdade, un espazo de reflexión e aprendizaxe que se celebrou no Pazo de San Marcos. Esta iniciativa, promovida pola área de Muller e Igualdade da institución provincial, serviu como culminación dun amplo programa de actividades desenvolvidas para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Xornadas de Igualdade na Deputación de Lugo
Xornadas de Igualdade na Deputación de Lugo | Fonte: remitida

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar esta xornada, salientando que “a educación, a conciencia crítica e a implicación das novas xeracións son fundamentais para acadar a igualdade real”. Insistiu en que “a igualdade guía cada acción do noso Goberno, porque non hai avance real sen igualdade”, e puxo en valor que “o feminismo non é un movemento contra ninguén, senón unha loita a favor de todas e todos”.

O evento congregou a numerosos asistentes, entre eles membros da Corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, concelleiras e unha ampla representación da cidadanía lucense, especialmente de estudantes, protagonistas fundamentais desta aposta pola sensibilización social dende a base.

Ao longo da xornada, destacadas figuras do activismo feminista e da cultura ofreceron relatorios e intervencións que abriron espazos de análise e pensamento crítico. As creadoras de contido Towanda Rebels abordaron a desinformación dixital e o seu impacto na igualdade, mentres que as expertas de PRISMA, Cristina Louzán e Priscila Retamozo, ofreceron unha análise profunda sobre como hackear o machismo estrutural. A actriz e humorista Jazmín Abuín puxo o broche cun monólogo irreverente e comprometido, que fixo rir e reflexionar sobre os estereotipos impostos ás mulleres.

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, foi a encargada de clausurar unha xornada que se converteu nun auténtico referente no impulso dun pensamento feminista colectivo e interxeracional. A través desta iniciativa, a Deputación de Lugo reafirmou a súa aposta decidida por unha sociedade máis xusta, equitativa e consciente, na que a mocidade non só é parte do futuro, senón axente activa do cambio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta