Por Horacio Vixande | Vigo | 11/05/2016 | Actualizada ás 11:00
Parece que a creación dun grupo parlamentario galego no Congreso da mans das deputadas e deputados de En Marea na vindeira lexislatura, vai camiño de se converter nunha polémica.
De momento, escoitamos voces diversas. Unha delas é a do portavoz municipal da Marea de Vigo nese concello, Rubén Pérez, afirmou que “se alguén se presenta a unha eleccións para ter grupo propio é un cretino”. Que se saiba, todas as opcións políticas perseguen o feito de se constituíren en grupo cando concorren a unhas eleccións, agás nas democracias orgánicas. Porén, tampouco representa unha novidade que se recorra aos insultos para descualificar posturas que non coinciden coa propia. Inhabitual tamén non é que se expresen as razóns para tomar unha decisión no canto doutra, aínda que destas xa nos tarda que aparezan.
Máis comedida que Pérez, resultou a deputada por En Marea Yolanda Díaz, que se declarou a prol de repetir fórmula o 26 de xuño, sen blindar a constitución do grupo galego no Congreso mediante unha fórmula como a da presentación dun partido instrumental que non permita interpretacións por parte da Mesa do Congreso. Díaz manifesta a súa convicción de que nestas eleccións en Marea vai “desempatar con moita forza”, o que permitirá modificar a configuración da Mesa do Congreso e lograr o grupo propio. Mais hai dúas cuestións que desmenten a Yolanda Díaz; unha é aquel adaxio de Einstein, que lembra que non se poden facer as cousas igual dúas veces e agardar resultados distintos; a outra son as enquisas preelectorais, que anticipan unha composición do Congreso parecida á actual. En principio, con esas premisas, supoñer que En Marea vai conseguir grupo parlamentario é pensamento máxico.
Mais estaría ben que quen están a favor de que En Marea repita a mesma fórmula electoral que o 20 de decembro aclarasen as súas intencións. Tamén sería interesante saber se a creación dun grupo parlamentario galego no Congreso é unha cuestión menor –como parece que se intúe das palabras de Pérez– ou representa un obxectivo importante –como adianta Díaz.
Se é unha cuestión menor, que expliquen ao electorado cal é o obxectivo principal e, máis importante aínda, por que ese obxectivo principal é incompatible coa formación dun grupo parlamentario galego no Congreso.
Se que En Marea teña un grupo no Congreso é importante, por que deixalo en mans doutras forzas políticas ou de procesos negociadores? Non é mellor que En Marea se presente como un partido político con dereito a grupo parlamentario sen discusión ningunha e así negociar outros puntos programáticos? A menos que o obxectivo sexa que o grupo galego sexa precisamente un deses puntos a negociar. Podemos preguntarnos a cambio de que cederán a constitución do grupo galego no Congreso, mais a experiencia indícanos que Galiza sempre foi moeda de cambio: o naval, a pesca, o leite...
En fin, as identidades políticas sempre o son por razóns de índole material –aínda que despois aparezan arroupadas por aparellos sentimentais, étnicos, culturais, etc– e teremos a oportunidade de ver se as dúas identidades que se confrontan –a española é a outra– optan pola colaboración ou pola submisión dunha delas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.