Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/05/2025 | Actualizada ás 22:00
O apoio psicolóxico, material e de axuda reborda moitas veces o traballo de forzas e corpos de seguridade do Estado (CFSE), da UME e das súas unidades especializadas en rescates, incendios e...apagamentos. Fóra da discusión sobre que, como e por que aconteceu o fenómeno do luns 28 de abril que apagou literalmente toda a Península Ibérica, a cidadanía e as autoridades nos seus diferentes niveis foron caendo na conta do que pasaba pouco a pouco. Os veciños comunicáronse uns con outros: “eu tampouco teño cobertura, non vai nada” e así até caer na conta de que non era un só, unha rúa da cidade, unha barriada, o concello...era toda a península.
No edificio de quen escribe isto unha veciña estudante de intercambio e refuxiada ucraína, ante a falta de sinal telefónica e Internet nos celulares aconsellou: “saír fóra, cando sucede en Ucraína facemos iso, saír fóra e ver onde podemos ter cobertura”. Non había noticias, só o boca a boca e de súpeto...o “kit de supervivencia” que recomendara a UE. Camiñar catro quilómetros para mercar unha radio con baterías, candeas, camping-gas e... sen diñeiro en efectivo, afeitos como estamos ás tarxetas. “Non podo cobrar con tarxeta” unhas candeas, dei a volta para devolvelas e de súpeto, unha muller magrebí paga os case cinco euros dos tres paquetes. Como llos devolvo? “Non, deixa, xa está...”. E a xente na rúa con calma, moitos en terrazas con luz de xerador e outras alternativas.
QUE FACER?
Conxita López é membro da comisión de coordinación do GIPCE. Este grupo de psicólogos e psicólogas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou un convenio coa Xunta de Galicia en 1997, aínda que comezaron en 1996 cos movementos sísmicos en Lugo e Ourense de 1996 co nome Grupo de Protección Civil. Diante disto, e logo de moitos anos con experiencia, a pregunta sae por ela mesma: “que facemos nun momento así?”.
“Ante todo, comprensión, comprender o que está sucedendo e buscar a maneira de adaptarse” di Conxita López. A falta de electricidade ía supoñer unha dor de cabeza ou crear ansiedade sobre todo en adolescentes afeitos e afeitas como están ao esaxerado úso do móbil ou celular. E de súpeto, os máis novos comezaron a adaptarse: “amigas dicían que estaban vendo adolescentes lendo un libro”, en Redondela os máis novos xuntábanse nos parques ou na praia, isto mostraba que os nosos mozos e mozas non perderon a habilidade de interrelacionarse sen usar os teléfonos móbiles.
A calma é esencial, é doado dicilo, mais cando toda a axenda, as viaxes programadas, as tarefas para manter en marcha a maquinaria do día a día quedan interrompidas sen aviso, que ocorre? O caos. Ante a falta de control as persoas sentímonos desamparadas, impotentes e buscamos unha resposta inmediata que nos dea unha solución. Mais, que aconteceu o día 28 para que non houbese unha concatenación de disturbios, intervencións policiais, de equipos sanitarios, etc?
“Cando sabemos quen ou que é o culpable encéndese a ira” di López. Mentres, cando non hai un culpable definido, cando a “alteración da orde” está motivada por algo que nós non podemos controlar, (a falta de luz) as persoas resígnanse, buscan alternativas ou esperan unha solución. E se o apagamento durase unha semana? “Sería moi duro, mais acabariamos adaptándonos”. Algo así aconteceu co peche durante a COVID, ninguén nunca até aquel momento pensou nun peche mundial da poboación para frear as consecuencias do virus “e estivemos tres meses nas nosas casas”.
PROTECCIÓN CIVIL
Oliva Trasancos é a responsable de Protección Civil en Bergondo ademais de presidenta da Asociación Provincial de Protección Civil da provincia da Coruña. O primeiro punto que destaca Trasancos é que as agrupacións de voluntarios en Protección Civil son municipais, aínda que “o modelo de actuación en Bergondo é extrapolable a outros concellos e comunidades”.
A dimensión do apagamento foise coñecendo pouco a pouco na base de Protección Civil de Bergondo. Unha chamada á alcaldesa xa deu idea do acontecemento porque no Concello xa se sabía: a incidencia era xeral para o Estado enteiro. Daquela, a primeira cuestión foi ver cales eran as infraestruturas críticas no municipio: dúas residencias para maiores e un centro de autonomía persoal. As residencias non tiñan xeradores de electricidade: Protección Civil si tiña xeradores para prestar. O centro de autonomía persoal xa tiña xerador.
Houbo que examinar que veciños e veciñas necesitaban medicación e para iso foron ás tres farmacias locais. Unha abría mais derivaba cara outra que tiña xerador e por tanto o sistema informático e a Rede funcionaban. Tamén había veciños con respiradores artificiais e sistemas de diálise. Un dos casos tiña xerador, aos outros prestóuselles.
Protección Civil de Bergondo ten a base nun polígono onde hai un dispensador de combustible (gasolina, diésel, etc) e tamén había unha empresa que vende xeradores. Isto permitiu que a empresa prestase xeradores ao dispensador e este puidese fornecer de combustible aos demais xeradores repartidos polo concello. Tamén se prestou atención aos PAC, centro de saúde e control de necesidades.
A Xunta e a Delegación do Goberno declarou o nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Desta maneira os servizos esenciais dentro do concello estarían activos para ter información sobre incidencias. O problema chegou cando todas as comunicacións telefónicas e Internet caeron. “A solución foi recorrer aos equipos Tetra que son terminais de talkies” para podérense comunicar con bombeiros, policía local e outros organismos.
Durante os primeiros momentos a situación foi de nervios mais cando a xente caeu na conta de que era xeralizado, a xente só pedía o esencial. Para atender isto “mantivemos vehículos rotando con equipos por quendas e sen parar porque non había comunicacións”.
Fronte a eventos que o ser humano non pode controlar de primeira man, primeiro adáptase, logo, ante as primeiras necesidades vaise abrindo a solidariedade e a resiliencia fronte a incerteza. No caso dunha catástrofe con culpables directos é posible que a ira acabe por desbordar a paciencia. Non sucedeu e á parte, as autoridades tiñan plans en previsión de sucesos como este. Aínda así, é necesario tomar unha lección do sucedido para evitar sorpresas nun novo apagamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.