Jácome ante presenza dos bombeiros no pleno local de Ourense: "Só protestan polo seu soldo"

"Os bombeiros veñen aquí, porque se lles debe diñeiro, porque ademais así o di unha sentenza xudicial e neste pleno aprobouse unha modificación de crédito para pagarlles e se vostede non lles paga, non busque escusas", recriminou Luís Seara (BNG)

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2025 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O 1 de outubro do ano 2020, o Tribunal Supremo obrigou ao Concello de Ourense a abonar os complementos de nocturnidade e festividade dos bombeiros, incidindo en que "estas quendas son unha característica propia do posto", non son pluses nin variables, polo que se deben de abonar polos procesos retributivos básicos. Pero cinco anos despois a situación segue sen cambiar na cidade, mesmo han deixando de cobrar recentemente o plus, que supón o 40% da súa nómina, segundo denuncian os profesionais.

Por tanto, o colectivo tomou iniciativa e, coincidindo co pleno deste venres, deu unha rolda de prensa en protesta polas súas condicións salariais. "Unha vez máis, un ano despois, volvemos perder parte da nosa nómina", insistiu o seu portavoz, que sinalou que "deixan sen pagar a unha parte dos traballadores, precisamente aos que traballan de noite e en festivos".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, criticou a súa presenza no salón de plenos, indicando un "interese propio" e non en favor do servizo público. "Cando veñen aquí os bombeiros, veñen polo seu soldo, non veñen por servizo público de axudar aos demais", sentenciou o rexedor, que insistiu en que "están a pedir os complementos, que son tremendamente altos, e teñen un soldo moi superior ao da media do sector privado".

Ante as críticas do BNG polo comportamento de Jácome fronte ás peticións do colectivo, o alcalde chamou en dúas ocasións á orde a Ruth Reza. "Se digo algo que non che gusta, tes que calar e foderte", foron as palabras do rexedor ante as protestas da concelleira nacionalista.

"Os bombeiros veñen aquí, porque se lles debe diñeiro, porque ademais así o di unha sentenza xudicial e neste pleno aprobouse unha modificación de crédito para pagarlles e se vostede non lles paga, non busque escusas", recriminou Luís Seara (BNG) a Gonzalo Pérez Jácome.

Gonzalo Pérez Jácome
Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta