Onde estaban Rueda e Pontón ao comezo da vaga de lumes? Acusacións cruzadas de estar nos "touros", "na praia ou na horta"

A líder do BNG espeta no Parlamento: "Fixo falta que ardesen miles de hectáreas, que houbese desaloxos e mesmo catro persoas do dispositivo hospitalizadas" para que Rueda "se lembrase de que era o presidente de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2025 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, protagonizaron este martes un cruzamento de reproches sobre onde estaban durante os primeiros días da vaga de incendios que afectou a Galicia o pasado mes de agosto, especialmente na provincia de Ourense. Na sesión de control do pleno do Parlamento --sustanciada tras a comparecencia do titular do Goberno galego-- a líder dos nacionalistas galegos comezou a súa intervención criticando que o PP tratase de "acumular" a sesión de control á comparecencia no que cualificou como un exercicio de "escapismo".

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento galego, a 9 de setembro de 2025, en Santiago de Compostela
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento galego, a 9 de setembro de 2025, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros

"Pero non imos permitir que escape da súa nefasta xestión dunha vaga de incendios que na que vostede durante cinco días estivo desaparecido", sostivo Pontón, que asegurou que "fixo falta que ardesen miles de hectáreas, que houbese desaloxos e mesmo catro persoas do dispositivo hospitalizadas" para que Rueda "se lembrase de que era o presidente de Galicia".

E é que, conforme argumentou, polo que se sabe "polas redes sociais" do presidente, o día 5 de agosto Rueda "estaba de excursión en moto pola costa". "O día 6 e o día 7 a súa axenda era unha páxina en branco. O día 8 seguía de veraneo cando incendios como o de Chandrexa de Queixa arrasaban Ourense", dixo para asegurar que "o día 9 tivo tempo para ir á súa casa a unha gala benéfica". "O día 10 de agosto, mentres xa se multiplicaban os incendios, vostede estaba na Feira do Viño de Monterrei e, como non, tamén tivo tempo, sacou tempo na súa axenda para ir ver os touros, acompañado por Feijóo e Rajoy. Galicia ardía e vostede de touros", dixo.

Tras iso, afirmou que non foi ata o día 12 cando "improvisou" unha vista ao Centro de Coordinación Operativa Integrado en Ourense. "Ademais dunha incompetencia total, esta actitude foi dunha absoluta irresponsabilidade e tamén de menosprezo por este país e pola súa xente", asegurou a líder do BNG, que sostivo é "a política forestal" e o "abandono do rural" da Xunta o que deixa a Galicia "negra". En fronte, o presidente galego iniciou a súa resposta censurando que o BNG pedise na Xunta de Portavoces sustanciar por separado a sesión de control ao asegurar que a súa pregunta "non tiñan absolutamente nada que ver cos incendios" cando Pontón centrou neste asunto toda a súa interpelación. "Aquí estou, escapando de vostedes", ironizou.

Tras cualificar de "absurdo" o debate buscado por Pontón preguntouse por onde estaba a líder do BNG "que se autorpoclama presidenta da Xunta". "Con esa autorresponsabilidade que se dá tamén terá algún tipo de deber e seguimos sen saber que paso, onde estaba vostede", sinalou. Así, tras afear que Pontón tratase de levar "o debate a estes extremos", sostivo que a líder do BNG "apareceu o día 15, improvisadamente" porque "estaba de vacacións". Pontón considerou que "coa provincia en situación dúas, e o Cecopi constituído valía a pena seguir na praia ou na horta" e que "a partir do día 15 había que facer un paripé" tras o que "volver desaparecer uns días", afirmou o presidente.

No debate no que volveu a pedir a dimisión Rueda, Pontón dixo que tratou de porse en contacto co presidente da Xunta pero que este "non quixo falar" con ela e que a Xunta "non lles deu ningún tipo de información en toda a vaga de incendios". Con todo, Rueda, que celebrou que "despois de tres anos" Pontón lle chame " presidente" por "primeira vez", asegurou que Pontón "foi informada" da situación o día 15 polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. "O señor Besteiro agradeceu a información pero o primeiro que preguntou vostede foi por que non a chamaba eu", criticou para ironizar con que "se cadra é que estaba a facer outras cousas ese día". "Vostede sabe que chegou tarde a todo isto e que como xefa da oposición ten obrigacións", sostivo Rueda, que acusou a Pontón de tratar de construír "a realidade contraria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta