Balance de violencia machista do ano 2024: unha muller asasinada cada 7,6 días, con 5 crimes en Galicia

Un 25 % delas foron asasinadas en cidades pequenas ou pobos, segundo se desprende do 'Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella' de 2024, que publicou este luns o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 05/05/2025 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Unha muller foi asasinada por violencia machista cada 7,6 días en 2024, un 25 % delas en localidades de menos de 25.000 habitantes, segundo se desprende do 'Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella' de 2024, que publicou este luns o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

O ano pasado producíronse 48 asasinatos de mulleres por violencia de xénero, unha cada semana (7,6 días). Ademais, 12 dos casos (25 %) tiveron lugar en localidades de entre 10.001 e 25.000 habitantes. Doutra banda, o informe recolle que o 2024 foi un ano "especialmente tráxico" en violencia vicaria, con nove casos, cifra que ascende a 62 desde 2013, cando se empezaron a solicitar datos. Desde entón, rexistráronse unha media de 5,2 casos cada ano, o 74,2 % das vítimas menores de 10 anos.

Neste sentido, cinco dos seis agresores de 2024 foran denunciados previamente polas súas parellas ou exparellas, unha porcentaxe máis elevada (83 %) que na serie histórica (35,4 %). Tamén é superior esta cifra á das denuncias previas da serie histórica dos asasinatos de mulleres por violencia de xénero (26 %). Así mesmo, o CGPJ apunta que catro dos menores asasinados o ano pasado convivían no momento do crime co seu agresor, un home cunha idade media de 36,8 anos. Na serie histórica, a convivencia deuse no 77,4 % dos casos. No 2024 sete dos nenos eran fillos biolóxicos dos agresores, o que supón un 77,7 %, porcentaxe que se eleva hasra o 85,5% se se analizan todos os casos desde 2013.

Igualmente, catro dos seis causantes das mortes de menores o ano pasado tiñan nacionalidade española. O mesmo número deles foron detidos e dous suicidáronse. O agresor suicidouse no 45,8 % dos casos de violencia vicaria na serie histórica, 23 puntos máis alto respecto dos que asasinaron a mulleres (22,4 %). Mentres, o método máis empregado para cometer o crime de violencia vicaria, desde 2013, é a arma branca (35 %). Aínda que, no 2024 estivo presente nun dos casos. Os outros asasinatos foron causados por asfixia, envelenamento, arma de fogo e golpes. Ademais, sete dos nove casos do ano pasado ocorreron no domicilio, que compartían co agresor, o escenario tamén do 71% dos crimes de menores desde 2013.

Presentación do Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella, do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ)
Presentación do Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella, do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) | Fonte: Europa Press

No caso de Galicia, foron cinco os asasinatos machistas rexistrados: A.M.I.A., de 24 anos e de Perú, asasinada en Ribeira en marzo do ano pasado; M.R.M., española de 74 anos asasinada na Coruña en agosto; F.A., de Marrocos e de 41 anos, asasinada en Moaña en outubro; E.B.S., española de 36 anos e asasinada en Baiona en novembro; e R.S.X., de 42 anos e de Brasil, asasinada en Viveiro en decembro. Segundo o informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CGPJ, a taxa de mulleres (maiores de 15 anos) asasinadas en crimes machistas por cada millón de mulleres foi de 4 en Galicia durante o ano pasado, mentres que a taxa acumulada desde 2003 é de 55,9 asasinadas por cada millón de mulleres. Ademais, desde 2013, houbo tres menores asasinados en Galicia, vítimas da violencia vicaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta