Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2025 | Actualizada ás 14:10
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "deixase de liderar Galicia" tras o apagamento que se produciu en todo o Estado o pasado luns. Tal e como sinalou a líder nacionalista este luns en rolda de prensa, a "gran achega" do titular do Goberno galego foi "renunciar ás competencias de Galicia", despois de que solicitase a situación 3 de emerxencia coa que o Executivo central pasaba a tomar o control das actuacións.
Do mesmo xeito, Pontón acusou a Rueda de "provocar unha situación de caos" nos centros educativos con ordes "contraditorias" que, afirmou, "complicaron a situación". Tamén lle reprochou que utilizase a sede do 112 Galicia como "escenario de roldas de prensa", incluída, engadiu, "a de Feijóo". "Non sabemos moi ben en calidade de que nunha institución deste país. A min non mo permitirían como líder da oposición", reprochou.
COMPARECENCIA PARLAMENTO
Nesta liña, Ana Pontón volveu a pedir a comparecencia de Alfonso Rueda na Cámara galega para dar información á cidadanía sobre o apagamento e "analizar a resposta de todas as institucións" e, deste xeito, "ter a garantía de que os erros non se repiten". "Pedimos ao señor Rueda que deixe de esconderse e compareza no Parlamento para informar de cales foron as súas actuacións e decisións; explicar por que deu a espantada renunciando a liderar Galicia nun momento de auténtica crise. Isto non foi unha decisión tomada en clave de país, senón partidista", manifestou.
Tamén demandou explicacións sobre "como funcionaron os servizos básicos", en particular, asuntos que "por cuestión de enfermidade necesitan sistemas de asistencia fundamentais e que debemos analizar se a resposta que se deu está á altura do ano 2025". Doutra banda, Pontón cre que Rueda debe comparecer para "dar explicacións sobre se no ámbito das súas competencias abriu algún expediente informativa tanto a Red Eléctrica como ás propias eléctricas", xa que, na súa opinión, "é unha cuestión que desde Galicia se pode obter información concreta de que pasou". Aínda sobre este tema, a líder do Bloque cuestionou "como é posible" que Galicia fose "un dos últimos territorios en recuperar o 100 % da subministración" a pesar de "ter o país cheo de centrais hidroeléctricas que xogaron un papel fundamental para facer fronte á recuperación".
"REFORMAS FONDAS"
Neste contexto, Pontón destacou que, tras o apagamento do 28 de abril, son necesarias "reformas máis fondas no sistema eléctrico estatal" e no papel que Galicia "ocupa como potencia enerxética". Tamén puxo o foco no "risco dun sistema tan centralizado como o español". "Durante estes días persoas expertas sinalan que un modelo tan centralizado favorece que se traslade un incidente puntual a todo o sistema. Por iso, estas persoas sinalan que parece máis sensato que no caso de que sexa necesario se poida illar o sistema por zonas, evitando un colapso total do mesmo", detallou.
Neste sentido, reivindicou que "a capacidade de Galicia" permitiu "dar seguridade e inercia ao sistema", así como que "foi clave para poder repor o servizo". "Sendo Galicia unha gran produtora de electricidade, tardamos máis que outros territorios en recuperar o abastecemento eléctrico. Vimos que mentres as centrais tiveron un papel crave da subministración, zonas próximas a estas centrais foron as últimas en recuperar o servizo. En aras da transparencia, deberiamos saber que criterios se utilizaron. É difícil de entender que isto ocorrese", apuntou.
Así mesmo, indicou que o apagamento "tamén evidenciou as debilidades" dun sistema "supeditado ao lobby eléctrico", polo que volveu defender a necesidade de "considerar o sistema como un ben esencial" e, como tal, "debe ter carácter e control público". "Non é de recibo que mecanismos críticos dos que depende que diante dun fallo teñamos luz ou non nos nosos fogares estean baixo a especulación económica", aseverou. Fronte a isto, lembrou algunhas das propostas dos nacionalistas, como crear unha empresa pública galega, unha tarifa eléctrica propia ou despregar un centro de investigación en materia de almacenamento enerxético e redes eléctricas que deseñe un novo modelo de rede que dea resposta a unha alta penetración das enerxías renovables, entre outras.
"SUBORDINACIÓN A XÉNOVA"
Por outra banda, preguntada sobre se o papel de Rueda foi cuestionado coa visita á sede do 112 Galicia do líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, Pontón afirmou que "quen se cuestionou foi o propio Rueda no momento en que decidiu renunciar a liderar a situación en Galicia". "É un exercicio inexplicable que un presidente decida renunciar ás súas competencias e creo que o ten que explicar no Parlamento. Non sei se foi en clave de país ou en clave partidista. A sensación é máis a segunda cuestión e paréceme moi grave a subordinación de Rueda ás directrices que mandan desde Xénova", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.