Unha semana despois do gran apagamento: a Xunta aposta polas renovables e defende a súa xestión

Rueda destaca a boa coordinación co Goberno central, aínda que insiste en pedirlle explicacións polo apagamento. Sobre as críticas pola suspensión das clases, insiste en que "son decisións difíciles que hai que tomar" en situacións así.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/05/2025 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Unha semana despois do apagamento histórico que deixou sen electricidade a toda a península, a Xunta salienta a xestión realizada e, sobre todo, a coordinación que houbo coa delegación do Goberno central durante a crise, especialmente, tras declarase o nivel 3 de emerxencias, no que Madrid asumiu todas as competencias. Ademais, e ante o debate aberto sobre as fontes de enerxía, no que algúns dirixentes do PP, e sobre de Vox, apostan claramente pola enerxía nuclear, o presidente galego é contundente. "Non podo estar máis en desacordo cos que din que as renovables son a orixe dos problemas", asegurou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda salientou que, a pesar do apagamento xeral, a actividade sanitaria e asistencial non se viu afectada, especialmente as cirurxías urxentes ou prioritarias. Tras pedir o nivel 3 de emerxencias, que supuxo que o Goberno central asumía as competencias en Galicia, o presidente galego destacou a "gran coordinación" que houbo en todo momento entre as dúas administracións. "Hai que agradecer a mesura e tranquilidade nas actuacións nun momento de tanta incerteza", asegurou. Con todo, insistiu en reclamar explicacións do acontecido ao Executivo central "para evitar que volva pasar".

DEBATE ENERXÉTICO

Rueda tamén se mollou nun debate espiñento aberto tras o apagamento; se a enerxía nuclear é alternativa enerxética, algo que defenden dirixentes do seu partido e, sobre todo, Vox. "En Galicia, o 85% da enerxía é de fontes renovables. Non podemos estar máis en desacordo cos que non cren nas renovables ou os que din que son a orixe do problema", dixo. E, de feito, criticou ao Goberno central por non informar xa do problema real do apagamento para evitar as "incertezas" e "defender o bo nome das renovables". "O que fallou foi a rede", insistiu, "non confudamos os debates". "Galicia é unha fonte renovable e temos que consolidar esa posición para que as industrias que se instalen en Galicia beban desa enerxía", afondou

Con todo, non pechou a porta á enerxía nuclear, aínda que non en Galicia. "Os expertos din que hai que metela no pull enerxético, pero en Galicia, a aposta clara é polas renovables", dixo. E foi máis alá. "De feito, as hidraúlicas foron as que axudaron a conectar o sistema", lembrou.

CRÍTICAS

O presidente galego tamén se referiu as críticas pola decisión de suspender as clases a última hora do luns. Así, recoñeceu que foi unha decisión "difícil" e "polémica", pero lembrou que "é unha decisión que hai que tomar" en momentos de crise. Neste sentido, dixo non entender os que critican que houbo falta de información e lembran que, precisamente, que todas as redes de comunicación estaban caídas e a comunicación ás familias foi difícil."E é normal que non recibiran comunicación cando estaban caídas as comunicacións", insistiu.

Tamén aproveitou para acusar ao BNG de criticar por criticar ou de dicir que Galicia perdeu "soberanía" por decretar o nivel 3 de emerxencias. "Nótase que quen fai estas críticas son os que non gobernaron na súa vida... Que era máis importante, a colaboración entre administracións ou perder a soberanía ou a independenia?", preguntouse. "Entendo que os que nunca gobernaron pois pensen isto porque non están afeitos a xestionar nada", concluíu. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta