Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2025 | Actualizada ás 21:43
A senadora do BNG, Carme da Silva, denunciou un ataque de Israel á 'Flotilla da Liberdade' e esixiu ao Goberno e á Unión Europea un posicionamento "contundente". Así o reclamou durante a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores na Cámara baixa, onde lle pediu unha "actitude proactiva" para a resolución pacífica dos conflitos internacionais que se producen e "renunciar a todo tipo de incremento de gasto militar".
Carme da Silva reclamou a Albares desenvolver "todas as ferramentas e mecanismos que ten o Estado para garantir o respecto ao dereito Internacional e aos Dereitos Humanos". A senadora do BNG condenou novamente o ataque ao buque 'Conscience' da 'Flotilla da Liberdade' producido a pasada semana e sinala que é unha "clara violación do dereito internacional".
"Esiximos un posicionamento claro e contundente por parte da Unión Europea e do Estado español ante o ataque perpetrado, segundo informacións recentes, polo Estado de Israel", sinalou da Silva. Por iso, esixe despregar todos os mecanismos que permitan non só a entrada de axuda humanitaria senón finalizar con todo tipo de comercio co Estado de Israel.
Así mesmo, lamentou novamente o cambio de posicionamento do Goberno do Estado sobre o Sahara Occidental. Do mesmo xeito, a senadora do BNG reclamou a Albares unha posición "crítica" respecto dos ataques en Iemen perpetrados polos Estados Unidos, "que contribúen a aumentar a escalada belicista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.