Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 22/05/2025 | Actualizada ás 22:00
En Galicia, hai árbores que non precisan presentación. Espidas no inverno, erguidas como lanzas no monte, os eucaliptos medran sen pedir permiso e sen dar moitas explicacións, ata o punto de que na actualidade a nosa terra concentra arredor do 75 % da superficie de eucalipto existente en toda España. Estas árbores chegaron para quedarse hai décadas e, dende entón, avanzaron coma unha marea lenta pero constante, transformando o horizonte forestal da comunidade. Hoxe, os seus troncos grisáceos e as follas perfumadas conviven coas preocupacións dun país que se debate entre a rendibilidade e a sustentabilidade. Nin as advertencias ecolóxicas, nin as restricións administrativas conseguiron, polo dagora, frear o seu avance. O seu pasado está ligado ao auxe industrial; o seu futuro, ao que decida facer Galicia co seu monte. Polo momento, o ar galego seguirá cheirando en gran parte do territorio a ese toque doce e mentolado tan característico desta especie.
Segundo os datos do Anuario de Estatística Forestal de 2022 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) --o último publicado--, a superficie de eucalipto en España concéntrase principalmente nas comunidades do noroeste peninsular, debido ás condicións climáticas favorables e á demanda desta especie para a industria papeleira. En Galicia habería unhas 410.000 hectáreas de eucalipto --aproximadamente o 30 % da superficie forestal total da comunidade, estimada en 1,45 millóns de hectáreas--, unha diferenza moi marcada con respecto á segunda comunidade con máis hectáreas, Asturias, que conta con 100.000. Xa moi lonxe quedarían Cantabria (30.000), País Vasco (20.000), Andalucía (15.000), Extremadura (10.000) e Cataluña (5.000). No resto de comunidades, a superficie de eucalipto resulta testemuñal. Así as cousas, estas cifras reflexan a distribución desigual do cultivo de eucaliptos en España.
EVOLUCIÓN DA SUPERFICIE DE EUCALIPTO EN GALICIA E PREVISIÓNS DE FUTURO
O espallamento do eucalipto en Galicia foi notable nas últimas décadas. No ano 2011, segundo os datos do Inventario Forestal Nacional IV (IFN IV), a superficie adicada a esta especie na nosa terra era de 287.983 hectáreas. Tendo en conta que no ano 2024 os datos máis recentes do Instituto Forestal Continuo de Galicia (IFCG) falaban de 419.051 hectáreas, estamos ante un incremento de máis de 131.000 hectáreas en pouco máis dunha década. E cómpre destacar que este crecemento produciuse a pesar da moratoria establecida no ano 2021, pola que se prohíben novas plantacións de eucalipto en terreos nos que non existía previamente esta especie. De feito, os primeiros datos do IFCG comezaron a publicarse no ano 2022, cando xa a moratoria levaba un ano en vigor. Nesa data a superficie de eucalipto en Galicia era de 409.026 hectáreas; no 2023, aumentara ata as 413.086 hectáreas; e, no 2024, repuntara ata as 419.051 hectáreas.
Así as cousas, en algo menos de catro anos de moratoria o número de hectáreas de eucalipto medrou nunhas 10.000, non deténdose ante a prohibición de novas plantacións. Isto significa que, de seguir a este ritmo de crecemento, e aínda mantendo a moratoria vixente, no ano 2050 Galicia contaría xa con máis de 481.707 hectáreas de eucalipto, chegando ás 500.000 en 2058. Pola contra, e observando a evolución desta especie na década previa á moratoria, cando en 10 anos a superficie de eucaliptos se incrementou en 131.0000 hectáreas, se a moratoria non se prorroga abondarían con pouco máis de 5 anos para superar as 500.000 hectáreas (2030), tendo para o ano 2050 aproximadamente 747.000 hectáreas de eucaliptos, o equivalente á metade da superficie forestal galega, que na actualidade é de 1,45 millóns de hectáreas.
DATOS HISTÓRICOS: DO 1 % DA SUPERFICIE FORESTAL NOS 50 AO 15 % NOS 90
A partir dos anos 50 do século pasado o eucalipto comeza a ser plantado de maneira máis intensiva en Galicia, aínda que a súa superficie aínda era moi pequena comparada coa doutras especies autóctonas, representando menos do 1 % da superficie forestal de Galicia. Na década dos 60, esta comezou a aumentar de maneira significativa, especialmente en zonas da provincia de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Para finais dos anos 60 e comezos dos 70, a superficie de eucalipto, coincidindo coa chegada de Ence a Galicia, xa superaba as 50.000 hectáreas. Durante os anos 80, o crecemento foi máis acelerado, chegando a alcanzar aproximadamente as 150.000 hectáreas, entre o 10 e o 12 % da superficie forestal galega. E, a comezos dos 90, a superficie de eucalipto xa se achegaba ás 200.000 hectáreas, máis ou menos o 15 % do total da superficie forestal. A expansión continuou e nunca chegou a deterse por completo, nin coa chegada da moratoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.