Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 08/05/2025 | Actualizada ás 14:06
O pleno do Parlamento Europeo apoiou este xoves a proposta da Comisión Europea para rebaixar o status de protección do lobo de especie "estritamente protexida" a "protexida". Con 371 votos a favor, 162 en contra e 37 abstencións, a Eurocámara apoiou a modificación da directiva de hábitats para harmonizar o status de protección do lobo na UE co Convenio de Berna. Os Vinte e sete xa aprobaron a proposta da Comisión Europea para rebaixar o status de protección desta especie sen modificacións, polo que agora o proxecto de norma só necesitará a aprobación formal do Consello para entrar en vigor. En todo caso, o lobo seguirá sendo unha especie protexida e as medidas de conservación e xestión dos Estados membro deberán alcanzar e manter un estado de conservación favorable.
ÁNGELES VÁZQUEZ PIDE AO GOBERNO CENTRAL QUE DEIXE A "IDEOLOXÍA"
Tras coñecerse a decisión, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que espera que o Goberno central "tome nota" e deixe a "ideoloxía" co lobo. Sostivo que todas as comunidades lobeiras de España eran conscientes da situación que se atravesaba co lobo, algo que "non era alleo ao que ocorre en Europa". "Por tanto, despois da aprobación por parte do Congreso, a instancias do PP, na que o lobo deixou de estar dentro da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre), dáse un segundo paso, neste caso no Parlamento Europeo", sinalou.
Segundo indicou, a aprobación deste cambio supón "o lobo segue estando protexido en Europea, pero sen o status de máxima protección". "Por tanto, os Estados membro, tamén as rexións, podemos facer a xestión correspondente do lobo", celebrou. A conselleira galega dixo que Europa constatou que "se matan unhas 65.000 reses ao ano por lobo", o que "supón unha perda tamén da biodiversidade". "E eu espero que, a partir de aquí, pois o Goberno español tome nota e que o secretario de Estado, que segue enviando cartas ás distintas comunidades autónomas en ton ameazante, deixe a ideoloxía ao carón e se centre nos estudos, que son estudos de carácter científico", manifestou.
O PPDEG CELEBRA O "CONTROL POBOACIONAL" PARA "SALVAGARDAR O RURAL"
Doutra banda, o PPdeG celebrou que os populares europeos "conseguisen modificar a protección do lobo" na Eurocámara e "asegurar o control poboacional" para "salvagardar o medio rural". Destacan que a medida, "que aliña a lexislación europea co Convenio de Berna sobre a conservación da vida silvestre", foi apoiada por 371 votos a favor tras un procedemento de urxencia aprobado a inicios de semana e permitirá unha maior flexibilidade aos Estados membros para xestionar as súas poboacións de lobos.
Respecto diso, o eurodeputado popular Francisco Millán Mon celebrou a aprobación desta modificación na medida en que "permitirá unha convivencia máis equilibrada entre os gandeiros e o lobo" e por iso aplaude este "gran triunfo do Partido Popular tras un longo camiño que empezou xa en 2022". "Recordo que entón aprobamos unha resolución no Parlamento Europeo instando á modificación da normativa en materia de protección do lobo. Tiveron que pasar case 3 anos, pero finalmente conseguímolo", destacou Millán Mon, que subliñou que "hoxe por fin se dá resposta en plano internacional a unha demanda icónica do sector primario" que o PP converteu nun "compromiso electoral ao que se dá cumprimento".
O tamén eurodeputado galego do PP, Adrián Vázquez, celebrou que "Europa volve estar onde fai falta", xa que, tal e como apuntou, "a superpoboación de lobos leva anos arruinando a vida dos gandeiros mentres ninguén, empezando polo Goberno de España, facía nada". "Con esta aprobación do Parlamento Europeo, por fin chegan as solucións. Solucións que non fosen posibles sen o traballo do PP", subliñou Vázquez en referencia a esta "nova situación" que "é boa para o medio rural e mala para quen levan anos sementando os seus prexuízos contra o mundo rural". Os eurodeputados do PPdeG tamén denunciaron o "grave impacto" do lobo na gandaría galega, que, segundo indicaron, en 2024 saldouse con máis de 3.200 reses mortas, "máis de 9 ao día".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.