Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/05/2025 | Actualizada ás 12:00
Naquelas ocasións en que unha persoa lle quere facer ver ó seu interlocutor que este acaba de dicir ou de facer unha parvada moi grande, ou algo que lle sentou moi mal, en castelán non é raro que a primeira lle diga cousas tales como ¿tú eres tonto o eres tonto? ou ¿tú eres tonto o te lo haces?
Vexamos algunhas secuencias galegas que expresan tamén ese mesmo contido:
¿Tú eres tonto o eres tonto?
¿Tú eres tonto?
{= Expresións con que unha persoa lle indica ó seu interlocutor que este último acaba de dicir ou facer unha parvada moi grande ou algo que lle sentou moi mal.}
¿Ti es parvo ou pides para as ánimas?
¿Ti es parvo ou pides para as almas?
[E MAIS]:
¿Ti es parvo ou es parvo?
¿Ti es parvo?
Ex.: ¡Pero joder, tío, ¿cómo que ya le has dado el dinero al camarero?! ¡¿Tú eres tonto o eres tonto?! ¿No te he dicho que en la cuenta nos cargaron dos cafés y dos chupitos de más?
¡Pero carallo, meu, ¿como que xa lle deches os cartos ó camareiro?! ¡¿Ti es parvo ou pides para as ánimas ‡ ou pides para as almas ‡ ou es parvo?! ¿Non che dixen que na conta nos cargaron dous cafés e dous chopos a maiores?
● Tamén:
¿Tú eres tonto e te lo haces?
¿Ti es parvo ou falo?
● E mesmo tamén, conferíndolle un toque de vulgaridade ou grosería e normalmente asociadas a situacións comunicativas coloquiais ou familiares:
¿Ti es parvo ou comes merda? && [E MESMO, UN POUCO MÁIS SUAVIZADA]: ¿Ti es parvo ou comes lorda?
NOTAS:
1. No canto da voz parvo, tamén son susceptibles de ser usados varios dos seus sinónimos (sobre todo bobo, imbécil e idiota, baseándonos na nosa experiencia).
2. Inda que no artigo as secuencias reflectidas amosan como referente un interlocutor directo ou en segunda persoa, é obvio que tamén poden ter como referencia outras persoas gramaticais (sobre todo, a terceira):
Ex.: Una vez leído el contenido de la comunicación, está claro que quien la escribió o es tonto o es tonto.
Unha vez lido o contido da comunicación, está claro que quen a escribiu ou é parvo ou pide para as ánimas ‡ ou é parvo ou pide para as almas ‡ ou é parvo ou é parvo ‡ ou é parvo ou come merda.
3. Convén tamén sinalar que as secuencias expresivas (parecer que) pedir para as ánimas e (parecer que) pedir para as almas tamén se empregan para indicar, sen máis, que alguén é, ou semella, parvo ou apaiolado:
Ex.: Non sei que lle viu Sabela ó mozo ese, que o pobre parece que pide para as ánimas ‡ parece que pide para as almas.
4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.