Un de cada catro nenos galegos viven en exclusión social

Representantes de Cáritas alertaron de que a pobreza infantil severa aumentou no último ano ata un 10,3 % en Galicia onde hai "máis de 93.000 nenos e adolescentes nunha situación complicada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

Representantes de Cáritas alertaron de que a pobreza infantil severa aumentou no último ano ata un 10,3 % en Galicia onde hai "máis de 93.000 nenos e adolescentes nunha situación complicada". "É un gran desafío, o 25 %, un de cada catro nenos viven en exclusión social", concretou a directora de Cáritas Diocesana de Lugo, Amparo González. Fíxoo no acto de firma dun convenio de colaboración entre esta entidade e a Fundación Barrié para pór en marcha o Programa Fogar.

Presentación dun convenio entre a Fundación Barrié e Cáritas
Presentación dun convenio entre a Fundación Barrié e Cáritas | Fonte: FUNDACIÓN BARRIÉ

Trátase dunha iniciativa que prestará axudas para mellorar a inclusión social de familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. O proxecto desenvolverase nas catro provincias galegas entre 2025 e 2028 e a fundación destinará ao mesmo un millón de euros co que se atenderá a "un mínimo de cen familias ao ano".

"Temos unha realidade que é moi alarmante", insistiu González para explicar que Galicia ten "máis de 550.000 persoas en exclusión social, case un 20 %" da súa poboación a pesar de que se atopa "por baixo da media estatal". En concreto, fixo fincapé en que son os adolescentes "os máis golpeados", un dato que "non só pon en risco o presente senón que estamos a falar do noso futuro". Así o trasladou na rolda de prensa de presentación deste convenio na que participaron tamén a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e de Cáritas Diocesana de Ourense e de Cáritas Federadas en Galicia, María Tabarés.

"Aínda que o apoio económico é fundamental hai algo máis que ten que garantir un acceso estable á vivenda e é un acompañamento integral e personalizado e dotar ás familias desas ferramentas que lles permita ser autónomos", explicou Arias na súa intervención tras recalcar que "a día de hoxe, a preocupación é angustia". Na mesma liña, Tabarés incidiu en que "as familias en risco non van alcanzar a inclusión con apoio puntual" e recalcou a necesidade de realizar un "acompañamento integral que abarque a todos os membros da unidade familiar" como fai o Programa Fogar que leva en marcha catro anos. "A pobreza hérdase", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta