Máis da metade dos trastornos mentais aparecen antes dos 14 anos: "Non se inviste en saúde mental, parchéase a dor"

A presidenta da Fundación Salma, Ana González, denuncia o colapso estrutural do sistema público e advirte do aumento do consumo de antidepresivos entre menores, nun intre no que o 20,8 % dos adolescentes españois entre os 10 e os 19 anos presenta algún tipo de problema de saúde mental: "Estamos tapando os síntomas con fármacos".

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 08/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai cifras que non só alarman: doen. Galicia, terra de chuvia, verde e silencio, encabeza un ranking que debería avergoñarnos como sociedade: o do consumo de antidepresivos, tranquilizantes e somníferos. E o que ata fai pouco semellaba un problema de adultos, deixou de selo. Hoxe son os menores quen, en número crecente, aparecen baixo prescripción médica para aliviar un malestar que quizáis non sexa seu, senón de todos. Que sociedade estamos construíndo cando nenos e adolescentes atopan máis doado acceso a unha pílula que a unha escoita? Que futuro pode ter un sistema sanitario que resposta ao sufrimento psíquico con protocolos lentos, listas de agarda imposibles e unha aposta estrutural polo farmacolóxico? O caso galego non é unha excepción, pero si un espello que reflexa como tratamos --ou desatendemos-- a dor silenciosa dunha xeración que medra a golpe de ansiedade, esixencia e soidade. Detrás de cada receita hai unha historia. Detrás de cada estatística, unha chamada de auxilio. Esta reportaxe non só reúne datos: interpela. Obríganos a mirar cara dentro, a preguntarnos que estamos facendo mal e que estamos dispostos a mudar.

Saúde mental en mozos: aumenta o consumo de antidepresivos entre menores de idade
Saúde mental en mozos: aumenta o consumo de antidepresivos entre menores de idade | Fonte: Commons

Ana González, presidenta da Fundación Salma --entidade sen ánimo de lucro que traballa na promoción e defensa da saúde mental, con especial atención á infancia, á adolescencia e aos colectivos vulnerables-- dá un dato demoledor que parte dun estudo da entidade: "o consumo de antidepresivos e estimulantes en Galicia antes da pandemia era xa un 71 % superior ao da media estatal". A nosa comunidade, ademais, "encabezaba o ranking nacional en consumo de tranquilizantes, relaxantes e somníferos", e "rexistraba o maior número de suicidios do país". Esas datos, que ofrecen unha radiografía da saúde mental dos galegos e as galegas antes da pandemia, obtivéronse da poboación xeral, pois sobre a poboación infantoxuvenil non se realizaron estatísticas. Ante estas cifras, resulta difícil sustentar a idea de que se trata dun problema recente ou imprevisible. "Isto xa era algo que sabiamos antes da covid (INE 2017), e ninguén fixo nada", afirma con firmeza González. Dende a súa experiencia, a diagnose é clara: non se está a investir en saúde mental, estase a parchear o problema. "A saúde mental sempre foi tratada como a irmá pobre da sanidade, a pesar de que ten unha prevalencia e cronicidade que xa toca case ao 25 % da poboación, e o que agora vivimos non é unha crise, é o resultado dunha neglixencia estrutural", denuncia.

Segundo datos de Unicef, o 20,8 % dos adolescentes españois entre os 10 e os 19 anos presenta algún tipo de problema de saúde mental, o que sitúa a España á cabeza de Europa neste tipo de afeccións en menores. "É unha cifra arrepiante", traslada González, que suma outro dato: o Observatorio do Suicidio de España di que a principal causa de morte entre os 15 e os 29 anos é o suicidio. O sistema público, segundo ela, non foi quen de dar unha resposta á altura. "O barato foi tapar o síntoma con medicación, pero o que está detrás desa dor non se está abordando, como consecuencia de décadas de políticas públicas precarias e deficitarias no ámbito da saúde mental", critica. E é que a Fundación Salma xa advertía no seu informe de 2022 que era urxente implementar reformas estruturais. Pero as promesas institucionais non se traduciron en solucións reais. "No Plan de Saúde Mental prometéronse citas en 15 días para unha primeira consulta, 7 en caso de urxencia, algo que nunca se cumpriu nin se vai cumprir coas ratios actuais: seguimos á cola de Europa en moitos parámetros", resalta a presidenta da Fundación Salma.

"AS PATOLOXÍAS AGRÁVANSE, CRONIFÍCANSE E RECUPERARSE É CADA VEZ MÁIS COMPLICADO SE NON SE ATENDEN EN TEMPO E FORMA"

Ata o dagora, tal e como denuncia González, "a saúde mental enfocouse moito no final da cadea, é dicir, en tapar ou dormir o síntoma unha vez que este sae a relucir". Así, considera que "aínda que a solución farmacolóxica, evidentemente, pode ser precisa en moitos casos, non pode ser a única". Pois, como resalta, "esas cifras tan escandalosas están indicando que o sistema de atención á saúde mental galego ten unha falta de recursos sistemática e estrutural e unha total falta de prevención". Ademais, convida a mudar a maneira de mirar cara a saúde mental: "sempre se ten considerado un gasto que se tiña que facer de mala gana --hoxe por hoxe invístese menos do 6 % do orzamento destinado á sanidade na saúde mental--, pero debería verse como un investimento". As cifras son claras: hai menos de 7 psicólogos e uns 11 psiquiatras por cada 100.000 habitantes en Galicia. "Con ese números, non se poden cubrir nin as necesidades básicas", denuncia González, que considera que "estes datos son incontestables". Ademais, resalta que Galicia só dispón de 12 camas para ingresos de agudos en psiquiatría infantoxuvenil.

O resultado? "Estamos falando de que moitas familias galegas estanse arruinando porque levan aos seus fillos a tratarse noutras comunidades autónomas ou en centros privados, porque non poden seguir agardando máis por unha consulta que nunca chega na sanidade pública", lamenta a presidenta da Fundación Salma. Neste contexto, denuncia que "as patoloxías agrávanse, cronifícanse e, logo, recuperarse é cada vez máis complicado, chegando ao punto de que practicamente se imposibilita a recuperación pola falta de atención en tempo e forma". Pero o problema non é só sanitario, é social e transversal: "Os factores socioeconómicos están directamente ligados ao risco de sufrir trastornos mentais, e non se están a ter en conta". "Hai que actuar antes, non cando o dano xa está feito", advirte. E é que tamén sinala que "máis da metade dos trastornos mentais aparecen antes dos 14 anos e arredor do 75 % antes dos 18".

Por iso, a escola debería ser un punto clave de detección e prevención destes problemas de saúde mental, que ten que ir da man da sanidade. Pero, no canto disto, o que predomina, denuncia González, é un sistema educativo obsoleto. "Precisamos unha nova lei de educación a nivel nacional xa, co foco posto na saúde mental e no benestar dos alumnos, porque o sistema educativo acutal xa non responde ás necesidades reais actuais e resulta ineficiente", plantexa. "Precísanse equipos multidisciplinares: con psicólogos, educadores sociais, traballadores sociais, terapeutas ocupacionais... Non chegan os informes psicotécnicos e as reunións anuais cos pais", afirma, insistindo en que "necesitamos mudar a nosa concepción de educación, innovar e escoitar a quen o están vivindo". Como denuncia, "levamos anos pedindo un Observatorio da Saúde Mental operativo, porque aínda que si existen observatorios, se logo non se dotan con persoal e financiamento non serven de nada", xa que que "sen datos actualizados constantemente e con obxectivos verificados non se pode planificar nin deseñar ningunha política de saúde mental eficiente". E iso dificulta a fiscalización.

"ESTAMOS ANTE MENORES DESBORDADOS: SE NON SABES XESTIONAR AS EMOCIÓNS, DE QUE CHE SERVE SABER OS RÍOS DE ESPAÑA?"

Así mesmo, a presidenta da Fundación Salma denuncia que a sanidade privada hoxe por hoxe tampouco é unha solución real para quen pode permitirse pagar o seu custo. "Hai familias que nos chaman desesperadas, porque as consultas privadas de psiquiatría infantoxuvenil teñen xa listas de espera de ata un ano, cando antes esas listas eran de dous ou tres meses", sinala. Deste xeito, lamenta que "agora nin pagando se consegue atención". A resposta de Sanidade ante isto? Que non hai psiquiatras para cubrir eses postos na sanidade pública. E, aínda que González recoñece que faltan especialistas, tamén matiza: "A nós moitos psicólogos e psiquiatras o que nos din é que se as condicións laborais fosen mellores e máis estables, non marcharían fóra de Galicia e de España". E engade: "Por suposto que hai que crear máis prazas na modalidade de infanto-xuvenil, pero non se pode poñer o foco só aí, porque iso é só unha máis das moitas cousas que hai que facer e da problemática a abordar".

A situación nos colexios tamén lle preocupa especialmente, tendo en conta que é o lugar no que máis tempo pasan os cativos, en moitas ocasións mesmo máis que nas súas propias casas. "Cremos que é urxente que exista unha nova lei de educación, cunha nova visión do mundo, adaptada á actualidade, na que se dea prioridade ás habilidades sociais dos máis novos, ao seu coñecemento emocional, porque iso é o que verdadeiramente lles vai axudar a enfrontarse ao mundo", reivindica a presidenta da Fundación Salma, que resalta que "por suposto que os colexios teñen que servir para ensinar coñecementos como ata o dagora, pero tamén hai que innovar e complementar esas ensinanzas memorísticas e repetitivas con formación humana".

Ademais, denuncia que, aínda que existen protocolos fronte ao acoso escolar, "a realidade é que non se están aplicando, pois moitos centros evítanos por medo a danar a súa reputación". "Se se aplicasen cando son precisos de verdade, todos os colexios terían xa varios abertos", asegura. Ana resúmeo así: "A saúde mental é cousa de todos, non só dos directamente afectados e, se non nos involucramos todos como sociedade, a situación non se porá mellor, aínda que dispoñamos de todos os fármacos que hai no mercado e aínda que dispoñamos de máis profesionais". "Os nosos nenos e nenas e mozos e mozas precisan ser escoitados, precisan máis tempo de calidade e non deixalos sós coas pantallas e os seus problemas", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta