Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 21/05/2025 | Actualizada ás 11:55
Os alumnos de Galicia son os cuartos coa nota máis baixa na fase xeral ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU), cun 7,40 de media. Só superan a Canarias (6,83), Comunidade Valenciana (6,81), Cataluña (6,75) e Baleares (6,41). Ademais, os estudantes galegos que aproban a fase xeral da selectividade son os terceiros pola cola en porcentaxe de sobresalientes, cun 4,5%, por diante de Cataluña (2,8%), Comunidade Valenciana (2%) e Baleares (1,9%).
Así o reflicte a Estatística das Probas de Acceso á Universidade do ano 2024 publicada este mércores polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A nota media na fase xeral por comunidade autónoma sitúase na pinza entre un 6,41 en Illas Baleares e un 7,4 en Cantabria, sendo a media estatal de 7,01.
Segundo esta estatística, o ano pasado matriculáronse 341.831 estudantes na Proba de Acceso á Universidade, dos que se presentaron o 95,8% e aprobaron 295.250 estudantes (o 90,2% dos presentados). O 93,1% dos matriculados presentáronse á PAU xenérica (77,6% en convocatoria ordinaria e 15,5% en convocatoria extraordinaria). Ademais, o 5,3% presentouse pola vía de acceso para maiores de 25 anos. O acceso por esta vía está a diminuír progresivamente (un 43% menos desde 2016).
Por estudo de acceso, o 88% dos estudantes proceden de Bacharelato, o 8,4% de Formación Profesional e estudos artísticos, e en menor medida por accesos para estranxeiros. O 58,2% son mulleres, destacando especialmente as que acceden a través de Formación Profesional e estudos artísticos, que alcanzan o 68,1%.
OS PRIVADOS CON ÍNDICES MÁIS ALTOS
Nos centros privados estes indicadores son lixeiramente máis altos: o 57,9% obteñen notas superiores ou iguais a 7 (o 50,1% nos centros públicos) e o 8,2% a 9 (o 6,2% nos públicos). Os resultados para os centros privados concertados son moi similares aos centros públicos.
A nota media de acceso a Grao dos titulados de Bacharelato no 2024 é 7,41. A nota media das mulleres é 7,65 fronte ao 7,40 dos homes. O 14,01% das mulleres alcanza o sobresaliente, fronte ao 10,27% para os homes. Dos titulados en Bacharelato, a nota media de acceso ao Grao máis alta en convocatoria ordinaria alcánzase na Rexión de Murcia (7,88), seguida de Estremadura (7,80).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.