Temas: SAúDE MENTAL

Rueda admite o gran problema da saúde mental en Galicia pero di que se aumentaron os psicólogos

O presidente constata que o problema "crece": case medio millón de galegos pasaron por unha consulta de saúde mental o ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2025 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu que as enfermidades ligadas á saúde mental supoñen "un problema crecente" e defendeu que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) actúa. Así, aínda que recoñeceu que hai que "baixar" os tempos de espera, defendeu que o seu Executivo trata de contratar os profesionais que pode e afirmou que está "en proceso" de sumar outros 14 neste 2025, ata pechar o exercicio "con 21" e o reto de chegar con 50 a 2030.

"Están cubertas o cento por cento das prazas de psicoloxía clínica e máis que houbese", replicou, na sesión de control, ás duras críticas que lle lanzou a líder do BNG, Ana Pontón. Pontón acusou a Rueda de "facer da mentira a súa forma de gobernar" e, tras recriminarlle que "deixase en 33,5 millóns" a inversion "real" do seu 'Plan de Saúde Mental', "nada menos que o 60% dos 83 millóns que anunciara", propuxo contratar a 100 psicólogos en Primaria, implantar unidades de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias e impulsar "un verdadeiro plan de prevención do suicidio".

Rueda afeou a Pontón ser "unha política profesional" que "nunca tivo responsabilidades de goberno" e que cre que "todo se arranxa con solucións máxicas". "E dinnos: contraten 100 psicólogos para traballar en Primaria. Vostede sabe que ten que ter o máster habilitante? Que ten que superar o PIR? Que despois teñen que ter o catro anos de residencia? Sabe que todos os que o teñen e están dispostos a traballar, contratámolos?", preguntou o presidente, quen tamén cuestionou as cifras de Pontón.

"Somos conscientes do problema", insistiu o tamén líder do PPdeG, quen tamén puxo en cuestión as cifras de Pontón e acusouna de "terxiversar" o recente informe do Consello de Contas, antes de dar as súas propias cifras. Entre outras cuestións, admitiu que a demanda de servizos de atención á saúde mental "creceu desde a pandemia un 30%".

"MENOS DOS 180 DÍAS"

"É certo que creceu a lista de espera e hai moitas máis persoas, pero aumentou un 11%. A demanda, un 30%; a lista de espera, un 11%. Que un 11% é moito, si, pero é tres veces menos que o aumento da demanda", continuou o presidente galego, quen revelou que 477.471 persoas foron atendidas en Galicia en consultas de saúde mental o ano pasado, máis dun 17,5% da poboación que ten a comunidade (que supera os 2,7 millóns de habitantes).

"As consultas de psicoloxía aumentaron, efectivamente, en cinco anos, case un 46%", continuou o xefe do Executivo galego, antes de proporcionar outra cifra que, recoñeceu, "debe baixar moitísimo máis": "o 83,4% dos pacientes de saúde mental esperan menos, vou dicir unha cifra que ten que baixar, esperan menos de 180 días (un seis meses)".

Rueda, na sesión de control da Cámara autonómica.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
Rueda, na sesión de control da Cámara autonómica.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Temas: SAúDE MENTAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta