Detido en Pontevedra un home por agredir unha muller e causar danos nun coche policial

O individuo, que non coñecía a vítima, lanzoulle patadas e botellas no interior dun local antes de ser reducido pola policía

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/05/2025 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Un home foi detido este mércores en Pontevedra por un presunto delito de desobediencia grave e resistencia á autoridade, despois de protagonizar un episodio violento no interior dun establecemento da cidade. Os feitos tiveron lugar cando, sen motivo aparente, o individuo tentou agredir a unha muller á que non coñecía, chegando a propinarlle dúas patadas e a lanzarlle botellas, segundo recolleron testemuñas presenciais e a propia vítima.

Arquivo - Coche da Policía Local
Arquivo - Coche da Policía Local | Fonte: Xunta de Galicia

A intervención policial produciuse tras o aviso de varios clientes que presenciaron a escena e trataron de suxeitar ao agresor, quen tamén provocou diversos danos no local. Ao chegar ao lugar, os axentes da Policía Local tentaron que o home se acougase, mais este mantivo unha actitude violenta e acabou dando cabezazos contra a lúa dianteira do vehículo policial, que quedou fracturada.

Segundo informou a Policía Local, foi necesaria a colaboración da Policía Nacional para reducir ao individuo, que se atopaba en evidente estado de alteración. Tras seren controlados os feitos e ante o seu estado, os corpos de seguridade solicitaron a presenza dunha ambulancia para a súa atención inmediata. Posteriormente foi trasladado a dependencias policiais, onde quedou á disposición da autoridade xudicial.

Amais da agresión e dos danos no interior do local, o detido causou prexuízos noutro vehículo estacionado, ao intentar arrincar unha goma do limpiaparabrisas, o que deixou o coche inutilizado. As autoridades investigan agora o sucedido e avalían os danos materiais para incorporar ao atestado que será remitido ao xulgado competente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta