Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2025 | Actualizada ás 12:14
A Xunta comunicou que desde este martes, 27 de maio, e ata novo aviso, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia.
Isto, tal e como detallou, implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir desta data. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos.
A medida tomouse despois de analizar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez estudados en detalle os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tense tamén en conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Ao mesmo tempo, a Consellería do Medio Rural pide unha vez máis a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este martes e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal por parte dos particulares.
Ademais, o departamento autonómico lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.