Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2025 | Actualizada ás 18:56
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este luns que as axudas para o sector do taxi constará de dúas liñas: unha destinada a subscribir pólizas de seguros, con 240 euros por beneficiario; e outra para contratar segundos condutores, cun apoio de 2.000 euros. A convocatoria, aprobada na reunión semanal do Goberno galego, publicarase este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estará dotada dun millón de euros en total, tal e como xa se avanzou.
Rueda explicou que estes apoios teñen o obxectivo de axudar aos profesionais do sector do taxi a facer fronte ao "encarecemento de custos". A liña de pólizas de seguros estará dotada de 840.000 euros con 240 euros por beneficiario. Os interesados poderán solicitar esta axuda por cada licenza de taxi da que sexan titulares. Só se poderán acoller a ela os seguros contratados entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
En canto á liña para a contratación, estará dotada de 160.000 euros de crédito. Os beneficiarios, cunha axuda de 2.000 euros, deberán contratar a outra persoa a xornada completa e con dedicación exclusiva. Neste caso só se subvencionará un contrato, aínda que se dispoña de varias licenzas.
AXUDAS AO AUDIOVISUAL
Doutra banda, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presentou no Consello da Xunta deste luns o Informe das liñas de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais no ámbito audiovisual co estado actual e a información máis destacable de cada unha das nove convocatorias deste ano 2025, que suporán un investimento directo no sector de 6,84 millóns de euros. O documento pon o foco no retorno económico de 21,6 millóns de euros e máis de 647 empregos, en cómputo anual equivalente a tempo completo, que tiveron en 2024 as axudas destinadas especificamente á atracción de rodaxes á nosa Comunidade.
A través delas, apoiouse a filmación en diferentes localizacións galegas de seis películas e series, entre as que se atopa 'Romería', o filme co que Carla Simón acaba de obter unha grande acollida no festival de Cannes (Francia). O Executivo galego deulle tamén o visto e prace ás bases da convocatoria de 2025 destas subvencións para a realización de rodaxes cunha dotación de 2.200.000 euros, un 10 % máis que en 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.