Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2025 | Actualizada ás 18:41
Os sindicatos CIG Ensino e CSIF Ensino denunciaron o incremento da "precariedade" do profesorado interino e substituto na Comunidade, coa oferta de 273 vacantes a media xornada, a maioría procedentes do Plan MEGA e Proa+. Tal e como denunciou a CIG en nota de prensa, a día de hoxe hai máis de 1.600 vacantes sen cubrir, o que demostra a "falta de planificación da Consellería e o interese por aforrar en persoal", co mantemento de contratos só ata o 30 de xuño no caso das prazas do programa Proa+ e dos nomeamentos MEGA a media xornada.
Neste sentido, sinalou que "se botan en falta moitas máis prazas por cubrir", e que a cobertura que esta chegando faino a conta pingas, dependendo das presións das familias ás ANPAs, as ameazas de dimisión dos equipos directivos e da convocatoria de mobilizacións. Así mesmo, máis da metade das prazas que se están publicando son a media xornada, o que "incide na precariedade laboral" do persoal, con "condicións que apenas chegan para cubrir os gastos de vivenda e transporte". Isto, sinalan, ten consecuencias para o rural, xa que ao tratarse de vacantes voluntarias é moi difícil que alguén acepte traballar fóra do seu domicilio habitual pola metade do salario.
A CIG instou á Consellería a modificar os nomeamentos do persoal, solicitando que a incorporación sexa "inmediata", e que "desde xa" se comecen a cubrir todas as necesidades solicitadas polos centros. Tamén, animaron á comunidade educativa a acudir á manifestación convocada en Santiago o sábado 13 de setembro e ao profesorado á folga do 25 de setembro. Pola súa banda, CSIF apuntou a "xestión irregular" dos contratos MEGA, adxudicados con duracións e condicións "desiguais", a pesar de que a normativa establece que deberían estenderse sempre ata o 31 de agosto e en xornada completa.
Así mesmo, a central sindical lembrou que a Consellería "incumpre o acordo de 1995", que recoñece o dereito dos substitutos que traballen cinco meses consecutivos a percibir os meses de verán. Outro dos problemas que menciona é o cesamento de substitutos en xuño a pesar de que o titular siga de baixa, unha práctica que CSIF considera "inaceptable". Con todo, subliñou que o curso escolar comeza consolidando conflitos estruturais que seguen sen resposta, como os cocientes elevadas, a burocracia desbordante, interinidades mal xestionadas e a perda de poder adquisitivo do docente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.