Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 18:08
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña ratificou que a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) deberá emitir no Telexornal Mediodía unha rectificación por incluír neste espazo unha información errónea na que afirmaba que o BNG non enviara representación a un acto da Xunta e a Fundación Castelao ao que si acudiran varios representantes do Bloque, aínda que matiza o texto a emitir ao aceptar peticións do recurso de apelación da demandada.
En primeira instancia, o Xulgado número 5 de Santiago deu a razón o ao BNG e condenou a difundir unha rectificación, cuestión que agora avala a Audiencia da Coruña nun fallo con data de 16 de maio de 2025 ao que tivo acceso Europa Press. O fallo condenaba ao director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, a rectificar no Telexornal unha noticia errónea emitida o pasado mes de xaneiro. Tamén accede á petición do Bloque de reclamar que a información sexa rectificada dentro dos espazos informativos, xa que ve insuficiente a mensaxe publicada en redes sociais da TVG na que recoñecían o erro.
A sentenza obriga á CRTVG a emitir a rectificación no Telexornal Mediodía (mesmo espazo onde foi emitida a noticia), no que deberán dar lectura a unha carta enviada polo BNG na que trasladaban a súa queixa polo ocorrido.
No entanto, entre outras cuestións, a Audiencia da Coruña matiza o texto que se debe emitir de forma que se exclúan cualificacións como "gravísimo" e "inadmisible", o que considera "subxectivas" para referirse a o sucedido.
"A expresión usada ('mentira') na terceira frase, unida ao resto do seu contido, implica tamén que se opta por un contido de natureza valorativa, pois o significado de tal palabra (dicionario RAG: 'Aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso') incorpora un posicionamento sobre que non se tratou dun erro, senón dun acto mendaz, e este xuízo sobre as intencións do medio informativo excede do contido primordialmente informativo, fáctico, ao que debe referirse o exercicio do dereito e, como a primeira frase, non resulta necesario para pór en coñecemento da opinión pública o contido informado e o contido que se propón como real", indica a Audiencia Provincial no seu razoamento sobre algúns dos cambios a realizar no texto de corrección que deberá difundir a CRTVG.
Precisamente, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, fixo mención a esta sentenza na comisión parlamentaria deste martes --na cal Concepción Pombo presentou a súa candidatura a directora xeral da corporación-- que "condena á CRTVG" por "mentir" sobre o BNG.
A CRTVG NON RECORRERÁ
Aínda que cabe recurso de casación contra o fallo, por parte da CRTVG explícase a Europa Press que decidiu non recorrer ao recibir con "satisfacción" a sentenza por incluír "importantes matizacións". De tal forma, procederá coa execución da sentenza "como sempre fai en situacións semellantes". "Desde o primeiro momento en que a CRTVG foi consciente do erro cometido, procedeu á inmediata reparación tanto en TDT como en canles dixitais. O erro era evidente xa que foi a propia TVG quen publicara esas imaxes en días previos, e foi asumido como tal", explica.
Para a CRTVG, o texto de rectificación que esixía o BNG "excedía con moito os límites do dereito de rectificación, polo que foi obxecto de litixio". "Esta sentenza dálle a razón á Corporación e exclúe do mesmo toda clase de valoración", agrega.
NOTICIA ERRÓNEA
A CRTVG afirmaba no seu informativo de mediodía do 10 de xaneiro que a formación nacionalista ausentouse ao acto organizado pola Fundación Castelao con motivo do 75 aniversario do falecemento do político e intelectual rianxeiro.
A peza, incrustada entre o parte meteorolóxico e a información deportiva, iníciase cunha locución do presentador na que asegura que o BNG "non estivo" no acto no Panteón dos Galegos Ilustres, ao que asistiron, entre outros cargos da organización nacionalista, a súa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Uns 20 minutos despois do traslado aos medios de comunicación do envío desta queixa oficial por parte do BNG, a conta da CRTVG na rede social 'X' publicou unha mensaxe no que rectifica o contido da peza emitida horas antes no Telexornal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.