Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2025 | Actualizada ás 14:07
Manuel, María Carmen, José e María son, por esa orde, os nomes máis comúns en Galicia, segundo datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.
En concreto, Manuel e María Carmen son os nomes de home e de muller máis repetidos en todas as provincias galegas. Así, en total hai 63.512 Manuel en Galicia, dos cales 25.828 están na Coruña; 8.468, en Lugo; 7.866, en Ourense, e 21.350, en Pontevedra. Pola súa banda, María Carmen é o nome de 58.183 galegas, vivindo 26.535 na Coruña; 6.859, en Lugo; 5.025, en Ourense, e 19.764, en Pontevedra.
O mesmo sucede co segundo nome de home e de muller máis repetido en Galicia, que tamén ocupa o segundo lugar en todas as provincias. Trátase de José e de María, existindo 45.317 e 35.852 casos, respectivamente.
Así, hai 17.611 Josés na Coruña; 7.145, en Lugo; 6.391, en Ourense, e 14.170, en Pontevedra. En cando a Marías, 16.866 delas residen na provincia da Coruña; 3.924, en Lugo; 4.441, en Ourense, e 10.621, en Pontevedra.
O 'top 5' da provincia da Coruña en canto a nomes masculinos péchano José Manuel, con 16.668 casos; Antonio, con 11.122 casos, e José Antonio, con 10.849 casos. En canto a mulleres, o terceiro nome máis repetido é Carmen, con 10.949 persoas, seguido de María Dolores, con 8.569, e María José, con 8.089.
En Lugo, José Manuel (4.332), Antonio (4.133) e José Luís (3.980) ocupan o terceiro, cuarto e quinto posto masculino e Carmen (2.760), Josefa (2.224) e María José (2.222), os femininos, respectivamente.
A lista de Ourense complétana Antonio (4.964) como terceiro nome de home máis repetido, xunto con José Manuel (3.504) e José Antonio (2.944), mentres que Carmen (2.736), Josefa (2.546) e Rosa (2.324) son os femininos.
Pontevedra tamén ten a José Manuel (10.654) como terceiro nome 'favorito' para os homes, seguido de Antonio (8.842) e David (8.054), mentres que Carmen (9.591), María Dores (6.174) e María Pilar (6.019) ocupan o terceiro, cuarto e quinto posto feminino.
APELIDOS
En cando aos apelidos máis comúns en Galicia, Rodríguez mantense na primeira posición, con máis de 107.000 veciños, seguido de Fernández, con algo máis de 100.300 e de González, que non alcanza os 80.500. Con todo, a distribución dos apelidos ao longo da xeografía galega é máis dispar, xa que Rodríguez só é o apelido máis 'popular' en Pontevedra e Ourense, mentres que ocupa a segunda posición na Coruña e a terceira en Lugo.
En Coruña, o primeiro posto teno García, que é o quinto apelido máis repetido en toda a Comunidade, precedido por López. Precisamente este último é o número 1 en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.