Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2025 | Actualizada ás 15:59
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou o compromiso da Xunta cos autónomos, fronte á "falta de apoio" por parte do Goberno central. Así o fixo tras reunirse este xoves co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos-Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (UPTA), Eduardo Abad, para avaliar as principais necesidades deste colectivo, que en Galicia representa preto do 20% do total de afiliados.
Segundo recolle a Xunta nun comunicado, durante o encontro González destacou o esforzo do Executivo autonómico por apoiar de forma transversal ao colectivo, "clave" no tecido produtivo galego, lembrando convocatorias de axudas para os autónomos.
Despois de pór en valor o compromiso da Xunta como administración "facilitadora e dialogante", lamentou a "falta de apoio e iniciativas" por parte do Goberno central, "que segue sen dar resposta ás principais demandas do colectivo".
PARQUE EMPRESARIAL DE PONTEDEVA
Noutra orde de cousas, este xoves a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse co alcalde de Pontedeva (Ourense), Juan Carlos González, co que abordou os apoios da Xunta para o desenvolvemento e mellora do parque empresarial de Trado. Neste sentido, Lorenzana lembrou que entre 2012 e 2024, o Executivo galego concedeu axudas por case 670.000 euros para a habilitación e mellora da devandita infraestrutura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.