Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/06/2025 | Actualizada ás 22:00
A biodiversidade enfróntase a unha ameaza silenciosa, pero constante. Non chega en forma de incendios nin de verteduras visibles, senón camuflada entre papeis falsificados, caixas de madeira sen declarar ou faixas pegadas ao corpo que cruzan fronteiras. Falamos do tráfico ilegal de especies, unha actividade criminal que, aínda que adoita asociarse con selvas tropicais ou mercados asiáticos, está moito máis preto do que pensamos. Tamén acontece aquí, na nosa terra, en Galicia. É un negocio que non entende de continentes, pero si de beneficios. Está considerado o cuarto delito máis lucrativo do mundo, só por detrás do tráfico de persoas, da falsificación e das drogas. E, como explica a axente Elena Moya, do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, resulta especialmente atractivo para as organizacións criminais porque presenta un baixo risco penal, ao tempo que deixa unha pegada ambiental devastadora: extinción de especies, destrución de hábitats e desaparición silenciosa de elementos clave dos ecosistemas.
Durante as xornadas Nature FIRST --proxecto europeo financiado pola Comisión Europea cuxo obxectivo e desenvolver capacidades preditivas, proactivas e preventivas para a conservación da natureza--, celebradas a pasada semana en Lugo, Moya repasou con detalle o funcionamento destas redes e puxo enriba da mesa datos contundentes, exemplos concretos e, sobre todo, casos reais ocorridos en Galicia nos últimos anos. Unha proba de que o tráfico de especies non é unha historia exótica: é unha realidade local, presente, que require vixilancia, investigación e conciencia cidadá. O que atoparon os axentes nos últimos anos vai dende guacamaios sen papeis e ovos ocultos en maletas, ata madeiras raras descargadas en portos galegos ou obxectos de marfil vendidos por Internet. Cada exemplar retirado do seu hábitat ou comercializado sen control é unha ferida aberta nun ecosistema. E, a través da experiencia do Seprona, descubrimos como se investiga, se intervén e se desmonta este tipo de tráfico, mesmo cando se agocha en lugares tan comúns coma unha maleta, unha xoiería ou unha rede social.
Así as cousas, cómpre resaltar, tal e como sinala Moya, que o tráfico de especies ocupa xa o cuarto posto entre as actividades criminais máis lucrativas do mundo, por detrás do tráfico de persoas, da falsificación e da droga. Move entre 8.000 e 20.000 millóns de euros anuais e está plenamente integrado nas redes do crime organizado. O seu principal atractivo é que "presenta menos riscos legais" para os delincuentes, pero ten graves consecuencias ambientais e económicas. Detrás de cada especie que se vende ilegalmente hai unha cadea de impactos: perda de biodiversidade, desaparición de hábitats e, moitas veces, maltrato animal. Ademais, estes delitos adoitan ir acompañados doutros, como falsificación documental, branqueo de capitais ou fraude fiscal.
O MARFIL SEGUE SENDO UN TRÁFICO EN AUMENTO
Durante anos, o tráfico de marfil foi unha das caras máis visibles do crime ambiental internacional. A imaxe dos elefantes abatidos para arrincarlles os seus colmillos conmocionou á opinión pública, e moitos países tomaron medidas para prohibir a súa comercialización. Porén, como advertiu a axente Moya, "semella que o tráfico de marfil volve estar en aumento". A covid supuxo un parón mundial en moitas actividades ilegais, incluído este tráfico, pero os datos máis recentes apuntan a unha reactivación progresiva. E non só se trata de elefantes, tamén se inclúen outras especies como os rinocerontes, cuxos cornos alcanzan prezos desorbitados no mercado negro. Segundo os datos manexados polo Seprona, un quilo de corno de rinoceronte pode chegar a custar entre 4.000 e 23.000 euros. Estes prezos xa non están tan inflados coma antes, pois os estudos actuais permitiron axustar mellor os valores reais, separando os beneficios dos distintos intermediarios.
Pero, o que si se sabe, é que a marxe de beneficio pode superar o 60 % e mesmo chegar ao 90 % no punto de venda final. E máis aló das grandes figuras de marfil ou pezas exóticas, o que se está vendo cada vez máis son obxectos pequenos, de difícil identificación, que circulan en portais de Internet ou establecementos locais. Precisamente por iso son máis complicados de detectar, e obrigan aos axentes a realizar peritaxes forenses especializadas para confirmar que se trata efectivamente de marfil. Estas análises poden facerse tanto co laboratorio central do Seprona en Madrid como con expertos externos, segundo o caso. Moya insistiu en que pequenas figuras, pulseiras ou xoias de marfil están á orde do día, e advertiu de que este "segue sendo un material moi demandado, que se oculta en obxectos aparentemente inofensivos e que require de moita precisión para a súa detección e persecución legal".
EXEMPLOS INTERNACIONAIS: TRÁFICO DE AVES E OVOS
Entre os casos de tráfico de especies citados por Moya atópase a Operación Exótica, unha investigación do Seprona que culminou coa detención de catro persoas implicadas nunha rede adicada ao tráfico ilegal de ovos de aves protexidas. A organización obtiña ovos de especies exóticas e introducíaos no mercado negro, xerando beneficios estimados en 150.000 euros anuais. Os ovos eran transportados en condicións que poñían en risco a viabilidade dos embrións e a saúde das aves nadas. Por outra banda, noutro operativo, a Unidade Central Operativa de Medio Ambiente (UCOMA) do Seprona, en colaboración con autoridades internacionais, desmantelou unha rede adicada ao tráfico de paseriformes, pequenas aves cantoras moi valoradas nalgúns mercados. Durante a investigación, interceptáronse maletas que contiñan exemplares mortos destas aves, transportadas en condicións inaxeitadas que impedían a súa supervivencia.
GALICIA TAMÉN É ESCENARIO PARA ESTES DELITOS: TRÁFICO DE AVES E CUNCHAS
"Non só se trata de especies grandes nin de redes internacionais. Hai moito movemento aquí, a nivel local", explicou Moya. E é que, lonxe de ser allea a esta realidade, Galicia rexistrou nos últimos anos numerosos casos de tráfico ilegal de fauna e flora:
FLORA E MADEIRAS: OUTRO TIPO TRÁFICO, MÁIS IGNORADO
A axente Moya quixo tamén poñer o foco nun tipo de tráfico menos visible: o de madeiras e flora protexida. Cando un material entra sen documentación axeitada non só se vulneran tratados internacionais, senón que se dan as condicións para a explotación ilegal dos ecosistemas de orixe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.