Nervios, críticas e estrés no comezo da nova selectividade

Case 13.000 estudantes comezan a selectividade hoxe en Galicia. As probas da PAU, que contan con numerosas novidades, arrincaron este martes en case todas as CCAA, excepto en Cataluña, onde o alumnado conta cunha semana máis de preparación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2025 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

Un total de 12.946 estudantes galegos están matriculados para participar, entre este martes e este xoves (3, 4 e 5 de xuño) na convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU), segundo o novo nome que se lle deu á tradicionalmente coñecida como 'selectividade'.

A convocatoria deste ano contén grandes novidades, despois de que a do 2024 puxese fin a uns modelos de exame instaurados coa Covid-19 que permitían unha maior optatividade ao responder as preguntas.

Os cambios responden á reforma impulsada polo Goberno central para facer as probas máis competenciais e tamén polos acordos alcanzados entre as comunidades autónomas gobernadas polo PP, entre elas Galicia, para homoxeneizalas. Ademais, en toda España, menos en Cataluña, a PAU arrincará o mesmo día. Os resultados coñeceranse pasada unha semana, o xoves 12 de xuño. Unha das principais novidades é a propia configuración do exame, que será practicamente igual en todas as materias. Xa non haberá os tradicionais modelos A e B, senón que agora as probas de cada materia terán catro preguntas: a primeira haberá que respondela integramente e o tres restantes terán varios apartados ou opcións a escoller polo alumno.

A maiores das facultades das sete principais cidades (A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), celebraranse en institutos de Cee (A Coruña), A Rúa (Ourense) e Viveiro (Lugo). A maior parte dos estudantes acudirán a realizar as probas a Vigo (2.826), Santiago (2.692) e A Coruña (2.723).

Unha das clases nas que se está levando a cabo o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura
Unha das clases nas que se está levando a cabo o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura | Fonte: Galicia Confidencial

HORARIOS DOS EXAMES

O alumnado comezou a primeira xornada ás 9:00 horas deste martes, 3 de xuño. Ás 10 comezaron co primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, no que se propuxo un artigo da xornalista Rosa Montero sobre a "traxedia dos caiucos", así como fragmentos de obras de Gabriel García Márquez, Valle-Inclán e Almudena Grandes.

Tras un descanso, as probas continúan cos exames das materias a escoller de Historia de España e Historia da Filosofía, entre as 12.00 e as 13.30 horas. A primeira xornada retómase ás 16.00 horas cos exames de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñaría II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio e coa segunda lingua estranxeira: Alemán, Francés, Inglés, Italiano e Portugués.

Tras o descanso das 17.30 a 18.00 horas, será a quenda dos estudantes que se examinen de Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza. A sesión do martes concluirá ás 19.30 horas. 

O mércores e o xoves continuarán examinándose de materias como Matemáticas II, Latín II, Química, Lingua Galega e Literatura ou Debuxo Técnico II. Así, ás 13.00 horas do xoves, daranse por concluídas as probas da PAU de 2025.

NERVIOS ÁS PORTAS DAS CLASES

Arquivo - Estudantes nos corredores da Universidade o día que comezan  os exames das probas de acceso á universidade 2023 en Galicia, na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a 6 de xuño d. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Estudantes nos corredores da Universidade o día que comezan os exames das probas de acceso á universidade 2023 en Galicia, na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a 6 de xuño d. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Martina Domínguez e Manuel Dopazo, dous estudantes do IES Rosalía de Castro, recoñecen a Europa Press estar moi nerviosos, aínda que esperan "que se tranquilicen as cousas" despois da proba de Lingua Castelá e Literatura. Martina quere facer un Grao en Relacións Internacionais, mentres que Manuel espera entrar en Enxeñaría Informática. Sobre os cambios introducidos este ano na PAU, non ocultan que lles parece "unha vergoña" porque consideran que Galicia é "a única comunidade autónoma competencial".

"Prefiro o modelo anterior, pero afróntase, non pasa nada", di Manuel Dopazo. "A min paréceme que podían introducir o cambio na selectividade un pouco máis gradualmente e non que de súpeto non podamos descartar nada", engade Dopazo, queixándose de que apenas había modelos de exame que consultar.

Xabier Trillo, tamén do IES Rosalía de Castro, confesa estar "máis tranquilo" que algúns dos seus compañeiros, porque o leva "bastante ben", o que non quita que estea "algo cagado". Aspira a entrar en Enxeñaría Informática.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta