Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2025 | Actualizada ás 11:29
Tras o aviso do Concello de Nigrán, quedan prohibidas durante a noite de San Xoán as fogueiras en Praia América e en Panxón. Así, desde a mañá do 23 de xuño o persoal da Policía Local e Protección Civil, con apoio da Garda Civil, vixiará o areal e controlará os accesos a ambas praias, para impedir que a xente leve paus, leña ou obxectos contundentes. A vixilancia estenderase a todos os areais e o dispositivo contará tamén cun Posto de Mando Avanzado da AXEGA.
O alcalde, Juan González, lembrou que xa o ano pasado se despregou este dispositivo e quedou demostrado que "se pode facer unha gran festa sen afectar ao ecosistema natural". Por tanto, este ano porase de novo en marcha a campaña #SanXoanSenLixo iniciada en 2019, advertindo de que agora, como o ano pasado, o incumprimento das medidas conlevará sancións. Toda a información está recollida nun bando municipal e facilitarase aos mozos da contorna mediante cartelaría, información en anuncios publicitarios, banners en redes sociais ou cuñas.
Ao dispositivo de seguridade sumarase de novo un equipo de concienciación ambiental, que estará a pé de praia desde a mañá do 23 de xuño lembrando aos asistentes as súas obrigacións e entregando sacos para recoller o lixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.