Sindicatos piden a Sanidade que deixe de converter prazas de médicos de familia en facultativos especialistas en primaria

O Sergas creou 205 prazas desta categoría e o borrador do próximo concurso de traslados prevé outras 76, algunhas que eran de médicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2025 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

Sindicatos da mesa sectorial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) critican que a Consellería de Sanidade está a expandir "pola porta de atrás" a categoría de facultativo especialista en atención primaria (FEAP, tamén coñecida como FEAS), á conta de reducir as prazas de médicos de familia. En concreto, así o critican en senllos comunicados a CIG e CC.OO., dúas das organizacións da mesa sectorial, despois de que o martes, nunha reunión deste órgano, a Administración presentase un borrador coa oferta do próximo concurso de traslados aberto e permanente para FEAP, que oferta prazas que quedan vacantes.

De acordo con este documento, ao que tivo acceso Europa Press, a relación provisional de prazas que sairán ao concurso serán 76 prazas e, delas, hai varias que eran previamente de médicos de familia, tal e como trasladan os sindicatos. Os FEAP son unha categoría creada pola Xunta no ano 2022 coa intención de cubrir vacantes de difícil cobertura. Son profesionais que non só traballan en centros de saúde, senón que tamén deberán facer gardas en puntos de atención continuada (PAC).

Dacordo con fontes de Sanidade, en menos de tres anos creáronse 205 prazas desta categoría e, aínda que algunhas son de nova creación, "a maioría son por reconversión" das de médicos de familia, confirma a Consellería. Así, o próximo concurso de traslados que convocará o Sergas --por agora un borrador-- xerou malestar porque algunhas prazas pasarán a ofertarse como a nova categoría, o que implicará que haxa médicos de familia que non poidan acceder a elas por non contar coa condición de FEAP.

CIG: "CAMBIO DE MODELO ASISTENCIAL"

Nun comunicado, a CIG censura que o concurso de traslados "profunda na consolidación" desta categoría, coa que o sindicato nacionalista nunca concordou, e "evidencia o cambio de modelo asistencial que o Sergas se empeña en negar". Esta organización, maioritaria no Sergas, critica que "cada ano aumentan as prazas" de facultativos especialistas porque esta figura, que implica traballo ordinario en centros de saúde e gardas obrigatorias na PAC, "consolida un sistema que rompe coa estrutura tradicional e eficaz da atención primaria galega". Neste contexto, e ante a proba de que esta categoría "non está a resolver os grandes problemas" da primaria na Comunidade, a CIG esixe o "cesamento inmediato na expansión" dos FEAP, o freo ao "cambio encuberto de modelo" e a negociación do plan de ordenación de recursos humanos.

CC.OO. CRITICA O PROCEDEMENTO

Tamén CC.OO. saíu, tras a mesa sectorial, a criticar a deterioración das condicións laborais dos médicos de familia por parte da Consellería de Sanidade, porque medidas como esta "consolidan a precariedade e a desigualdade respecto doutros médicos especialistas". A secretaria xeral de CC.OO.-Sanidade, Luz Fernández, advirte que a categoría de FEAP foi creada orixinalmente para cubrir postos de "difícil cobertura". Afirma que a creación destas prazas require, segundo a normativa vixente, un informe previo da Administración que xustifique a difícil cobertura do posto.

Con todo, alertou de que a Xunta está a impulsar estas prazas "pola porta de atrás", de forma "indiscriminada e opaca" en centros urbanos, precisamente onde existe unha alta demanda de traslados por parte doutros profesionais. Con todo, CC.OO. esixiu "a retirada inmediata destas medidas, o respecto aos procedementos legais, a igualdade retributiva para todo o persoal especialista, e a eliminación das prazas FEAP que non conten cun informe que xustifique a difícil cobertura do posto".

SANIDADE REIVINDICA A CATEGORÍA

Pola súa banda, fontes de Sanidade consultadas por Europa Press defenden a categoría porque permite dar servizo non só a centros de saúde, senón tamén á PAC, que poden ser tanto en centros urbanos como noutros espazos. Por exemplo, explica a Consellería, no caso de Santiago, pode realizar gardas en PAC de fóra da cidade, como os de Bertamiráns e Negreira.

Arquivo - Unha consulta médica. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
Arquivo - Unha consulta médica. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta