Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 12:23
A Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, situado na compostelá Igrexa de San Domingos de Bonaval e onde descansan os restos de destacados intelectuais e galeguistas como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou Rosalía de Castro, entre outros, foi catalogada de interese cultural.
A orde que o ratifica, asinada polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, ten data de 30 de maio e foi publicada este luns polo Diario Oficial de Galicia. A Fundación quedou formalmente constituída nun acto público o pasado mes de abril, un paso que permitiu pechar un proceso que se iniciou cando se empezou a desenvolver a lei aprobada por unanimidade na Cámara no verán de 2023 para sacar do limbo xurídico ao Panteón, que pasou a ser identificado como símbolo de Galicia.
Para a súa xestión optouse pola fórmula de fundación e as bases da súa activación empezáronse a sentar nun encontro formal en outubro do ano pasado coa implicación de Parlamento, Xunta, Concello de Santiago e Arcebispado, a quen os seus estatutos sinalan como fundadores.
De acordo coa normativa vixente, a Fundación queda clasificada como de interese xeral. Entre os obxectivos que determinan os seus estatutos están "defender os valores compartidos polo pobo galego, reivindicar a cultura e a lingua, contribuír ao coñecemento científico e o desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, de saúde ou tecnolóxicas e a creación artística e literaria". Mediante esta clasificación, a entidade adscribiuse ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.