A Xunta e a RAG confirman a súa vontade de avanzar no pacto pola lingua para favorecer a presenza do galego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, coincidiron na súa vontade de avanzar no pacto pola lingua para favorecer a presenza do galego en diversos ámbitos e grupos de poboación.

Segundo trasladou o Goberno galego, na reunión, celebrada este luns, ambas as entidades reforzaron a súa cooperación para prestixiar a lingua e impulsar o seu uso social, especialmente tras os datos que confirman a perda de falantes entre os máis novos.

Tamén, avaliáronse asuntos como as obras de rehabilitación integral da sede da RAG, coas que a Xunta colabora asumindo os gastos do traslado temporal e a adecuación das novas oficinas no Polígono de Pocomaco, na Coruña. Ademais, Monteagudo presentoulle ao presidente do Executivo galego diferentes estudos e publicacións nos que está a traballar a RAG, e proxectos como a creación da Fundación Pro-academia.

Nesta liña, o Goberno galego lembrou que o galego é a lingua que ten os índices de competencia máis elevados de todas as comunidades con lingua cooficial: o 93,37% da poboación enténdeo; a 96,35% sabe lelo; o 94,62% sabe falalo; e o 84,35% sabe escribilo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo reúnense. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo reúnense. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta