Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2025 | Actualizada ás 19:27
A deputada do BNG Cristina Fernández tachou de "antidemocrática e caciquil" a instrución anunciada pola Xunta na que se insta aos centros educativos a garantir a "neutralidade ideolóxica" nas actividades, mentres que a parlamentaria do PPdeG Cecilia Vázquez acusou aos nacionalistas de "pretender adoutrinar" ao alumnado.
No marco do debate no pleno dunha moción dos nacionalistas sobre o impulso e a elaboración dun plan de mellora educativa, a representante do Bloque asegurou que a medida anunciada tenta "neutralizar as críticas da comunidade educativa" e do alumnado ante "as nefastas políticas do Partido Popular".
Tras pór exemplos de casos nos que, segundo denunciou a nacionalista a Xunta "utilizou á inspección educativa para coaccionar aos centros por manifestar opinións fronte a accións da Consellería", Fernández sostivo que "non é casualidade" que este anuncio se faga "agora", despois de que, engadiu, "o alumnado traballe sobre a imposición de Altri en Galicia ou o seu rexeitamento ao xenocidio do pobo palestino".
A continuación, a deputada do PPdeG Cecilia Vázquez defendeu que a educación "está para educar" e, engadiu, "non para adoutrinar, que é o que pretende facer", na súa opinión, o Bloque.
"Os centros educativos son espazos para o coñecemento, para a igualdade de oportunidades, para o pensamento crítico, pero non para introducir os discursos partidistas que lles interese a algún partido político ou intereses políticos", reivindicou antes de cuestionar "por que lles molesta" que "se garanta a neutralidade ideolóxica".
A este respecto manifestouse tamén o deputado do PSdeG Julio Abalde, que preguntou "que é" a neutralidade ideolóxica e lamentou que a instrución da Consellería "non é máis que adiantarse ao que lle podía pedir un hipotético socio de extrema dereita". "É o pin parental. No canto de ser os pais vai ser a administración autonómica quen diga que se puiden tratar nas aulas e que non. Paréceme un retroceso", subliñou.
ALUMNADO NECESIDADES ESPECIAIS
Sobre o contido concreto desta moción, a deputada do Bloque defendeu que os nacionalistas propoñen á Consellería que realice unha avaliación e informe público que determine o número de alumnado con necesidades educativas específicas, así como o número de efectivos docentes e especialistas "reais" na actualidade.
Tamén que amplíe o número de prazas nas universidades públicas galegas para realizar o Máster en Educación para poder ampliar as listas de substitución e interinidades e implementar un Plan de Mellora educativa elaborado nunha mesa de traballo na que participe a representación de todos os sectores educativos e na que se chegue a unha serie de acordos.
Pola súa banda, a deputada do PPdeG, que votou en contra da proposta do Bloque, defendeu que os datos "avalan que Galicia" conta cun modelo educativo "sólido, comprometido coa calidade, a equidade e a inclusión". Tamén sinalou que "o diálogo e o consenso seguirán sendo os eixos fundamentais" da política educativa autonómica.
Doutra banda, o socialista Julio Abalde criticou que en lugares onde se incrementa o número de alumnos con necesidades especiais "redúcese o número de especialistas" e pediu á Xunta que faga un "esforzo" e poña máis medios.
INVESTIGACIÓN MARIÑA
Así mesmo, durante a sesión matinal do pleno este martes os grupos debateron outra moción do BNG --que tamén foi rexeitada polos populares--, neste caso, sobre a política do Goberno galego en materia de investigación do medio mariño e a petición de crear unha comisión que coordine o traballo dos diferentes centros de estudo neste tema.
Neste sentido, a deputada do BNG Rosana Pérez insistiu en que hai que "acrecentar as partidas dirixidas á investigación" para tratar de "mitigar os problemas de perda de produción". Por iso, instou a crear unha comisión para pór en común, colaborar e ampliar os estudos en materia de sustentabilidade ambiental e económica".
Pola súa banda, o deputado do PPdeG Miguel Fidalgo acusou á nacionalista de traer á Cámara "outro intento máis de construír un relato negativo de Galicia e da súa xestión".
"Que pretende, insinuar que non existe investigación mariña en Galicia? Que é inútil? Que os distintos axentes implicados non se coordinan entre si? Pois iso non se sostén, non é crible, non é xusto e non é serio", reprochou antes de repasar algunhas das iniciativas da Xunta nesta materia.
Mentres, o deputado do PSdeG Julio Abalde ironizou con que se os populares sosteñen que hai "uns magníficos centros de investigación" por que a Xunta "non é capaz de conseguir ano tras ano que se reverta a situación de baixada da produtividade".
Nesta liña, esgrimiu que non se trata de "un problema de científicos, de técnicos nin de datos", senón "político". "Póñanse a traballar, déixense de posicións políticas absurdas e dedíquense a mellorar", aseverou.
O PSdeG PIDE ACCIÓNS CONCRETAS CONTRA OS ARANCEIS DE EEUU
O Grupo Parlamentario Socialista esixiu á Xunta "accións concretas" para os sectores produtivos galegos ante a política arancelaria de Estados Unidos. Así o trasladou nunha moción que contou co apoio do BNG e do deputado de Democracia Ourensana e o rexeitamento dos populares, que reprocharon que os socialistas "boicotearon" en Madrid "calquera acordo e non aceptan ningunha das propostas formuladas polo PP". Tamén se lle demandaba ao Executivo autonómico que informase na Cámara, de maneira periódica, sobre os efectos deste contexto na economía da Comunidade.
Pola súa banda, a parlamentaria do BNG Noa Presas reprochou á Xunta que non teña "previsión nin anticipación" ante un contexto que cualificou de "complexo". Por iso, dixo compartir a iniciativa dos socialistas, que considera "un bo punto de partida para poder facer as cousas diferentes ante esta crise" e aproveitar para "reorientar aspectos" da economía galega "que non funcionan e atender aos sectores máis vulnerables".
Mentres a deputada popular Cristina Sanz censurou a "contradición" do PSdeG ao pedir en Galicia "acordar unha estratexia", mentres en Madrid "directamente boicotean calquera acordo" e "non aceptan ningunha das propostas do PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.