Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 15:17
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprometeuse, a partir deste xoves, a sentar para ver "como se pode reorganizar" o Máster de Matemáticas da USC para que "non perda alumnos", mentres a oposición insiste en demandar á Xunta que "reconsidere a súa decisión" e imparta a titulación o próximo curso. Nunha resposta oral no Parlamento a BNG e PSdeG, o responsable autonómico defendeu que para que unha formación poida "ter recoñecemento social" debe ter "un número mínimo de alumnos".
Por iso, dixo que pon a disposición os recursos da Consellería para sentar cos responsables do máster a "falar en serio" e ver "que se pode reformular" para poder alcanzar "o número mínimo de alumnos". Así, asegurou que os requisitos en canto a número de alumnado que ten que ter unha titulación para poder ser ofertada foron acordados polas tres universidades públicas galegas e pola Administración autonómica, que insistiu que "non toma decisións a treo" nin "arbitrarias". "Aquí a Xunta non pecha nada, cumpre un acordo existente e iso leva que, neste caso, se non hai un cumprimento dun criterio asinado, exponse que non se oferte esa titulación específica en base a iso. Son as regras comúns que nos demos todos", aseverou Rodríguez.
"SOBREACTUACIÓN"
Así respondeu a dúas preguntas sobre esta cuestión do PSdeG e do BNG. Por parte dos socialistas, o deputado Xullo Abalde cuestionou ao conselleiro se non cre que as áreas en Matemáticas "non son estratéxicas para o futuro de Galicia", mentres que o nacionalista Daniel Castro pediu explicacións de "por que van retirar este máster" e acusou ao titular de Universidades de favorecer aos centros privados fronte aos públicos.
Fronte a isto, Román Rodríguez, que recoñeceu que "existe unha problemática", acusou á oposición de estar "sobreactuando" e insistiu en que a Xunta "cumpre o acordado", ademais de defender que mantén "un diálogo permanente coas universidades". Tanto Abalde como Castro, que pediron ao conselleiro que reconsidere a decisión da Consellería, reprocháronlle que os acusase de "sobreactuar" e instárono a dicirllo ao alumnado que este mércores se manifestou ás portas do Pazo do Hórreo para reclamar á Xunta que outorgue o carácter singular a esta titulación.
PROTESTA ALUMNADO MÁSTER
E é que, á primeira hora deste mércores, antes de que se falase desta cuestión no pleno, varias decenas de persoas, entre elas alumnado, profesorado e o decano da Facultade de Matemáticas da USC, protestaban ás portas do Parlamento. En declaracións aos medios, un dos alumnos responsabilizou á Administración autonómica de tomar a decisión de que o próximo ano non se poida impartir esta titulación ao non chegar aos 20 alumnos que sinala a normativa "sen ningún informe técnico".
Para Anxo, trátase dunha medida "correctora" e criticou que é unha decisión "inxusta e opaca". Cuestionado sobre a razón pola que non hai tantos alumnos, o estudante explicou que é unha disciplina "máis especializada" que busca impulsar a investigación. Mentres, hai outros másteres que "tampouco teñen tantos alumnos pero si teñen o recoñecemento de singularidade e non se pretenden pechar". Do mesmo xeito, puxo en valor a unión da Facultade de Matemáticas e da Universidade, que xa avanzou que presentará un recurso de alzada. "Toda a universidade está unida en contra desta decisión", destacou.
Outra das alumnas que protestaba ás portas do Parlamento explicou que, de pecharse este Máster, "acabaría por eliminarse a investigación en matemáticas pura en Galicia", xa que é a única titulación con esta especialización. "A única opción sería ir a outra comunidade ou especializarse noutro ámbito", lamentou. Así mesmo, o alumnado lembrou que no programa de doutoramento da facultade defendéronse case 50 teses, das que o 70 % eran de xente que viña deste Máster. Por iso, cren que se agora se deixa de impartir esta especialidade, "nuns anos será o doutoramento".
COLEXIO CALDAS
Doutra banda, a deputada do PSdeG Paloma Castro preguntou ao conselleiro se se recuperará a 3ª unidade de Educación Infantil do CEIP Plurilingüe San Clemente de Caldas de Reis para o próximo curso. Román Rodríguez refugou esta opción ao apuntar que na localidade pontevedresa hai "37 prazas de cuarto de Infantil dispoñibles" en centros do municipio.
Por iso, argumentou que "non ten moito sentido que se habiliten ou se desdobren novas unidades" cando "hai unha oferta de prazas na contorna que dá acollido esta demanda" de, apuntou, "dous alumnos que nin sequera son do concello". Con todo, Paloma Castro cuestionou se esas 37 prazas libres son "en colexios concertados ou en centros que non teñen Plan de Conciliación ou Plan Madruga", que si que ten o CEIP San Clemente.
Por iso, a deputada socialista considera que a demanda da comunidade educativa "é xusta", xa que "non están a pedir unha ampliación, senón algo que foi suprimido de forma inxusta". Así mesmo, Román Rodríguez avanzou que se licitou un proxecto de eficiencia enerxética neste centro por valor de máis de 400.000 euros, que contará, tal e como detallou, con mellora no illamento térmico, carpintarías exteriores e outras actuacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.