Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 13:55
O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal deste luns a relación dos condecorados coa Medalla Castelao correspondente á súa edición de 2025, entre os que están unha médica de familia xubilada que exerceu na Coruña, Rosa Rodríguez Álvarez, así como o grupo Luar na Lubre, e o escritor e xornalista Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG) ata marzo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou os nomes e destacou que á doutora Rosa Rodríguez fáiselle a distinción polo seu labor e tamén como representante do colectivo de médicos de Atención Primaria. Recibirán tamén Medalla Castelao o presidente honorífico do Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Nieto; e a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela). A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega profesional e persoal de personalidades ou institucións polo seu traballo no ámbito artístico, literario, intelectual ou en calquera campo significativo para Galicia. Este galardón entrégase cada ano o 28 de xuño, para conmemorar o retorno a Galicia dos restos do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
LUAR NA LUBRE E FREIXANES
Rueda destacou que unha das medallas recaerá no grupo Luar na Lubre, unha das bandas de música de carácter "máis internacional de Galicia" e que neste 2025 celebra o seu 40 aniversario. O presidente explicou que a agrupación, creada na Coruña, en 1985, "é unha das mellores embaixadoras da música galega polo mundo" despois de vender máis de 400.000 discos e ofrecer máis de 2.000 concertos por 35 países. No ámbito cultural tamén recibirá unha das Medallas Castelao desta edición o escritor e xornalista Víctor Freixanes, quen estivo á fronte da RAG durante o últimos oito anos. "É unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas", subliñou Rueda, quen destacou que o autor compaxina a súa faceta literaria coa docencia na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
PEREZ NIETO E ROSA RODRÍGUEZ
Por outra banda, o Goberno recoñece con esta distinción o labor do empresario Emilio Pérez Nieto, presidente honorífico do grupo Pérez Rumbao, líder no sector da automoción en Galicia con 50 compañías, 60 talleres e 1.900 empregados. O presidente destacou que se puxo á fronte da empresa familiar con só 23 anos --"converténdoa en todo un referente-- e a súa contribución a "dar voz" ao tecido produtivo da Comunidade a través de diferentes entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Asociación Galega de Empresa Familiar ou o Foro Económico de Galicia. Outras das medallas recae este ano na doutora Rosa Rodríguez Álvarez, en representación dos médicos de Atención Primaria de Galicia. Tras 35 anos exercendo no centro de saúde de Adormideras (A Coruña), acaba de xubilarse. O presidente asegurou que se trata dun bo exemplo da "dedicación e constancia" que caracteriza os profesionais do sistema sanitario galego.
AGAELA
Por último, o Executivo que dirixe Alfonso Rueda acordou tamén conceder unha medalla a Agaela, entidade sen ánimo de lucro que traballa desde 2009 para visibilizar a enfermidade da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e mellorar a calidade de vida dos afectados. Na actualidade, a asociación dá apoio a máis de 130 familias de toda a Comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.